Conversa con Eusebio Rivero, do proxecto Recicletas


Teresa Souto

Nome: Proxecto Recicleta

Quen son? Eusebio Rivero e un grupo de voluntarios que conta coa colaboración dos servizos sociais do Concello de Pontevedra.

Onde están? En Pontevedra e nos concellos, asociacións ou grupos que amosen interese por participar.

Que fan? Recoller bicicletas que xa non se usan, recuperalas e doalas á xente con necesidades.

Eusebio Rivero, licenciado en Belas Artes e mestre, é a cabeza visible dun grupo de voluntarios e doantes que puxeron en marcha e participan no proxecto Recicletas. Trátase dun proxecto levado a cabo no concello de Pontevedra e que conta coa participación dos servizos sociais deste municipio.

Recicletas tamén está pensado para traballar con diversos colectivos e persoas interesadas. Eusebio realiza diferentes actividades que parten da idea de darlles uso ábicicletas antigas ou vellas, de pór en marcha a imaxinación e creatividade traballando manualmente e exercitando cada unha as súas habilidades. O proxecto parte da idea de doar unha bicicleta a quen a precise e non poida acceder á súa compra. Tamén para que as bicicletas en desuso non rematen na chatarra e teñan outra oportunidade, reducindo a cantidade de lixo que producimos.

O traballo en equipo, en grupo, é desenvolvido por persoas en risco de exclusión social, persoas con diversidade funcional, axudados por voluntarios/as que se achegan ao proxecto para colaborar; teñen así unha función ocupacional, motivadora e de aprendizaxe.

O proxecto de Recicletas nace dunha idea de reciclar, pero tamén cunha finalidade social. Cal é?

Por un lado, espertar a conciencia da xente, para que non tire as cousas que non utiliza, para evitar o consumismo masivo, o mercar por mercar, e pensar na reutilización dos obxectos como unha alternativa.

Por outro lado, que as persoas que acudan aos talleres ou se unan aos grupos reciban unha formación, que creen equipos de traballo, que melloren as súas habilidades sociais e as súas ferramentas para a empregabilidade, así coma a súa motivación, tan necesaria nestes momentos.

E a derradeira finalidade é que as bicicletas recicladas pasen ás mans de persoas que as precisen e que por motivos económicos non as poidan mercar, xa que deben ser artigos accesibles, e máis en Pontevedra, onde poden ser medios de transporte idóneos para moverse dun lado a outro da cidade, para ir ao traballo, pasear, e mesmo para ir entregar curriculos para buscar emprego.

En concreto, o proxecto de Recicletas Nadal, foi unha campaña específica onde as bicicletas foron entregadas a nenos e nenas de familias con dificultades sociais. As bicicletas foron restauradas con moita ilusión, xa que sabiamos que ían acabar nas mans de pequenos e pequenas que ían gozar delas.

En que momento xorde esta idea?

Hai uns tres anos, paseando pola cidade coas crianzas e as bicis, vendo un pouco a necesidade de mobilidade que teñen as persoas para ir a cursos, ao traballo, para buscar emprego. Foi unha idea compartida con Ana González, da Casa Azul de Pontevedra.

Ás veces non é doado coller medios de transporte público, ou é difícil cadrar con persoas da mesma zona para desprazarse, e pensamos nun medio económico e beneficioso para o medio ambiente.

E foi doado poñela en práctica?

A verdade é que durmiu anos nun caixón. Mais cando se deron conta de que era unha necesidade, e o papel da concienciación da mobilidade urbana en Pontevedra, apostaron polo proxecto dende o concello e dende outras asociacións.

E as persoas voluntarias que colaboraron e colaboran apostaron dende o principio.

Cal é a resposta da xente ante esta experiencia?

As doazóns foron espectaculares, veu xente dende moitos puntos de Galiza. Dende Ribadumia, por exemplo, chegaron cunha furgoneta cargada de bicicletas do vecindario; dende Ribeira tamén se achegaron a entregar todo o material recollido. A campaña do boca a boca funcionou moi ben, achegouse xente de todas as idades, e as persoas, cando lle dabamos as grazas, dicían “grazas a vós” por levar a cabo esta idea”. Doáronse duascentas bicicletas, que se foron e se seguen reparando. Iso foi emocionante, incluso viñan parellas coas crianzas para entregaren as bicicletas que xa lles quedaban pequenas.

Tamén contamos con xente voluntaria que participa no proxecto en diversas actividades, cada persoa aportando o seu gran de area, o seu tempo e dedicación, as súas ideas.

Cales son os plans do proxecto cara ao futuro?

Seguir realizando a actividade con diversos colectivos, con persoas con discapacidade intelectual. Tivemos unha experiencia que resultou moi positiva e gustaríanos voltar a repetila e mesmo continuala no tempo. Queremos seguir traballando, sobre todo, coas persoas, observando o ben que lles fai centrarse nun traballo manual, que require concentración, paciencia, traballo en grupo… É un traballo, un proceso de aprendizaxe do cal se pode sacar moitos beneficios, e non nos referimos só a unha bicicleta arranxada, senón ao cambio que se pode chegar a producir na persoa. A motivación que se esperta cando están logrando darlle un segundo uso a un obxecto que pensaban inservible, e cando observan a utilidade do traballo desenvolvido.

E tendo presente que os destinatarios das nosas bicicletas serán persoas con necesidades, que lles sacarán moito partido a obxectos que estaban no faiado doutras casas, esquecidos e ocupando espazo.

Hai xente que despois de coñecer a experiencia decide arranxar a súa propia e comezar a usala como medio de transporte. Tamén serven de exemplo de mobilidade que non contamina.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s