FERMOSA COMA UNHA HORTENSIA


Manuel Regal Ledo

                 A Galicia rural é fermosa, preciosa, pódovolo dicir eu, que a miro e ando e vivo con respecto e agradecemento cada día. Invítovos hoxe a dar unha voltiña pola parroquia de Aldixe, en Abadín, alí onde, vindo do norte, a Terra Chá ten a súa porta; Aldixe foise facendo tal a ambas as dúas beiras do río de Abadín, que máis adiante verterá augas no Támoga. É pequecha, poderedes andala en pouco tempo, e en pouco tempo tamén, se vos parades a falar coa xente, oiredes pronunciar con agarimo e admiración o nome da Hortensia, unha muller que hai poucos días fomos despedir no cemiterio parroquial, alí pretiño da igrexa.

                Igual ca admiramos o rural en por xunto, pero iso non nos priva -ao contrario- de apampar ante algún recanto especial do mesmo, tal así pasa coa xente: agradecemos o conxunto das súas existencias densas, por máis que fráxiles, pero axeonllámonos case, devotamente, ante o ronsel vital dalgunhas persoas, humildes no seu fondo e aparencia, pero sinaladas cun especial aquel que cativa e que namora. Cousas da graza de Deus e da xente, que non rifan coas apostas e cos esforzos persoais. Tal foi a vida da Hortensia de Aldixe, hoxe cidadá a tempo e corazón completo do Reino de Deus.

A Hortensia formara parte dunha ampla irmandade dunha parroquia veciña. Seguindo costumes vellos e esixencias da escaseza de medios, viñera de criada á casa da Ponte de Aldixe. De criada, con tempo e amores polo medio, pasou por casamento a señora do Elías da Ponte, a quen acompañou ata a morte, e de quen herdou casa e facenda. Todo normal. Pero a Hortensia deu en destacar pola súa animación veciñal. Os poucos saberes de letras e números non lle impediron poñerse á fronte de diferentes iniciativas veciñais, tal como a compra dun prado para convertelo en campo de festa; mesmo o ano pasado, ben maior como era, fíxose ramista da festa parroquial que animou con moita decisión e humor. Sentía mágoa ao ver que un cancro a ía acabando e non podería compartir coa veciñanza o gozo do campo da festa para o ano que vén. Os veciños e veciñas chorárona, laiábanse da orfandade na que quedaba a parroquia.

Puiden ir ao enterro. O crego non soubo recoller nada disto ao longo da celebración relixiosa. No adro puiden escoitar as chufas e penas por ela de homes barís que se recoñecían ben pouca cousa ante a fermosura vital da Hortensia. Pareceume que esta era a verdadeira prédica que a Hortensia merecía. E decidinme a compartir coas lectores e lectores de IRIMIA a fermosura desta Hortensia.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón). Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s