A intención electoral punitiva


Carlos Vázquez G.

A UE pódese converter no cu onde darlle a patada ao Goberno central ou autonómico, ao bipartidismo, ao partido que te decepcionou, aos gobernantes corruptos ou a eses poderes inalcanzables, pero causantes reais da crise e de facérllela pagar aos de sempre. O momento será o das eleccións ao Parlamento Europeo e a actitude do elector sería a de castigar ou votar en contra, máis que apoiar este ou aquel proxecto político. É verdade que, en toda elección, a escolla dun candidato ou partido conleva o descarte e incluso o castigo dos demais, pero este é un efecto secundario porque o fin primordial é elixir. Na conformación desta intención electoral punitiva inflúen, sen dúbida, múltiples factores, entre os que cabe destacar a frustración do electorado polo fracaso político duns e doutros, a indignación colectiva crecente, a corrupción incrustada no tecido institucional e un longo etc., sen descartar esa corrente difusa que está dando en chamarse antipolítica, fornecedora de populismos e de derivas autoritarias e antidemocráticas. Por outra parte, para moitos dirixentes políticos e medios de comunicación, as eleccións europeas son e preséntanse como unha gran enquisa para comprobar a intención de voto noutros comicios, sempre máis importantes para eles, para calcular a perda ou ganancia de votos de cada quen, como mero instrumento de propaganda ou como arma para o axuste de contas co adversario, utilizando ademais o Parlamento da UE como cemiterio de elefantes. Con esta pedagoxía política, madía leva a confusión.

O castigo electoral é lexítimo, pero que dun modo masivo ou xeral se converta no obxectivo principal dunha elección, perverte en boa medida, ou mellor, deturpa a súa finalidade democrática, que é elixir a quen consideramos mellor e máis apto. O castigo só pode ser un dos resultados, e sempre secundario.

Especialmente perigoso é que se escolla a UE como a nádega onde descargar as azoutas da ira, como se tal cousa tivese consecuencias menores, cando en realidade estamos ante o principal proxecto político común que, aínda en construción e con todos os problemas, está a ser o espazo político do mundo onde se ofrecen máis oportunidades de benestar e de exercicio dos dereitos humanos, civís e democráticos; pero sobre todo é a gran oportunidade para que os pobos e nacións de Europa saian da súa prehistoria e, das numerosas patrias étnicas, un día naza unha patria ética, como diría Amin Maalouf.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s