Cúmprese un ano do acceso ao papado do cardeal arxentino Jorge Bergoglio.
O cambio de acentos e formas, de prioridades e enfoques foi sorprendente e así o quixemos constatar desde aquí.
Exemplos hainos ben variados. Inaugurou unha nova maneira de falar sobre as persoas homosexuais, sen condenar. Rompeu coa actitude tradicional de considerar a Igrexa como a propietaria da patente de salvación, valorando a existencia dun espazo de diálogo e encontro coas persoas ateas, un espazo que describiu como o de loita polo ben, feito con honestidade de conciencia. Empeñou a súa palabra nunha limpeza interior da casa vaticana e non se autocensurou, máis ben ao contrario, para denunciar a corrupción de dentro e de fóra. Enfrontouse, nunha simbólica lea, cun cardeal adiñeirado e presuntamente corrupto, o de Limburgo, en Alemaña. Recuperou o encontro persoal con teólogos da liberación, antes proscritos, e o que é máis importante, incorporou análises e propostas herdeiras directas desa teoloxía que, coma el, vén do sur.
Por outra parte, na exhortación Evangelii Gaudium, senta posicións de enorme calado, que dificilmente poden quedar na mera retórica; sería inaudito, dado o seu carácter rupturista –máis que reformista- con respecto a posicións dos papados anteriores. A exhortación ten o arrecendo e a frescura do evanxeo, a súa capacidade de sorprender e anunciar. Ten un enorme potencial transformador e unha gran beleza. E, ademais, é unha crítica aguda e clara, desde os intereses dos excluídos, das raíces do capitalismo neoliberal.
Porén, un ano despois, xa hai medios que fan eco dunha pregunta que se escoita na rúa: cal está sendo a eficacia real de todo iso? El non será unha inmensa operación de mercadotecnia dunha Igrexa en horas baixas?
Esa pregunta debería preocupar a Francisco e a aqueles –hainos?- que dentro da “cadea de mando” comunguen coa súa intención transformadora.
E a maior sospeita vén, visto desde aquí, dos nomeamentos feitos até agora. U-lo cambio? Chove de arriba a abaixo ou de abaixo a arriba? O cambio, se o hai, no perfil dos nomeados, cómpre buscalo con lupa. E iso non axuda a dar crédito á reforma franciscana. Os meses por vir serán unha proba decisiva.
Un ano despois, hai quen se pregunta cal está sendo a eficacia real do Un cambio