Encontro de solidariedade rural


Manuel Regal Ledo 

Con este lema, o sábado -5 de abril- celebraremos en Santiago de Compostela un encontro moi especial, orientado a facer un exercicio de discernimento sobre a situación actual que está vivindo o mundo rural galego, tanto a nivel social, económico, laboral, como tamén a nivel eclesial.

Quen promove o encontro.

 Quen estamos promovendo isto somos por unha banda as Comunidades de Relixiosas rurais, e, pola outra, os grupos do Movemento Rural, unhas e outros espallados por diferentes lugares do medio rural en Galicia. Desde os tempos posteriores ao Concilio Vaticano II, e coma un froito do mesmo, diversas Congregacións Relixiosas fóronse instalando no medio rural, por ser este un medio especialmente necesitado dun acompañamento evanxelizador; a súa presenza persiste ata o día de hoxe en número considerable. Paralelamente, polas mesmas datas, con altos e baixos, fóronse creando grupos de crentes rurais que se enmarcaron na forma de vivir e transmitir a fe propia do Movemento Rural Cristián.

Ambas realidades, a das Comunidades de Relixiosas rurais e a dos grupos do MR, aínda que son independentes entre si, coinciden, con todo, nos seus obxectivos e mesmo en bastantes das súas formas de traballo. Valorar o medio rural, coma un lugar de vida digno, de convivencia fraterna, de experiencia de liberación evanxélica; traballar en diferentes ámbitos sociais e eclesiais para que iso sexa posible; integrar fe e vida, vida e fe; escoitar e obedecer a voz de Deus que se fai oír no medio de todas estas realidades. Traballar, orar, xuntarse, reflexionar, actuar.

Preocúpanos o rural.

 Esta presenza continuada no medio rural tennos permitido ir vendo como se van debilitando as estruturas que conforman a vida e a convivencia rural. O signo máis expresivo desa debilidade é o envellecemento da poboación rural, cousa que pon en serio suspense a permanencia de casas, de lugares, de parroquias, de poboacións do medio rural. É cuestión de vida ou morte, en todo caso, dun futuro moi diferente. Ante este feito pensamos que non podemos quedar indiferentes, e, aínda que xa en repetidas ocasións nos temos deixado interpelar por esta realidade, queremos nesta ocasión pararnos con calma para iniciar un período de reflexión e de actuación consecuente.

Algo semellante sucede coa evanxelización das pequenas poboacións e aldeas rurais. A escaseza de xente e de clero, o envellecemento do mesmo, está empuxando unha dinámica que nos parece pobre e empobrecedora, consistente en ir retirando a presenza sacerdotal das parroquias, e, como no modelo da Igrexa tradicional o cura éo todo e sen cura non se dá ningún traballo evanxelizador, isto leva irremediablemente a un abandono de toda presenza evanxelizadora. Tamén nisto estamos nun momento de vida ou morte. Tampouco perante isto podemos quedar de brazos cruzados. Por iso organizamos este Encontro de Solidariedade Rural, ao que estamos invitando a calquera persoa, crente ou non crente, que sexa sensible a estas realidades e teña vontade de colaborar coa súa experiencia, coa súa palabra, coa súa reflexión, coa súa acción.

Onde nos xuntamos e como imos traballar.

O encontro terá lugar en Santiago de Compostela, dará comezo ás 9,30 da mañá, e desenvolverase desta maneira: despois das palabras de acollida, alguén comentará o sentido do Encontro. A continuación farase un breve percorrido histórico do mundo rural en Galicia para pararse a analizar con máis detalle as chaves fundamentais do momento presente. Feito este traballo, os asistentes, en breves intervencións de 5-10 minutos, poderán presentar o grupo que representan, o traballo que realizan no mundo rural, as súas perspectivas, etc. Despois haberá un espazo para traballarmos en grupos pequenos, buscando aqueles dous, tres, catro aspectos fundamentais da realidade rural que consideremos importante apoiar, defender, promover. Xa pola tarde, poñeremos en común eses aspectos reflexionados e intentaremos arrexuntar e concretar as accións coas que levar a cabo ese traballo de apoio e promoción. Pecharemos todo cunha celebración agradecida, festiva, sentida, animadora.

Estamos convencidos de que unha xornada de encontro non resolve nada. Pero tamén o estamos de que é necesaria para iniciar unha posible nova etapa na que desenvolver a nosa presenza no mundo rural con novas perspectivas, con novas unións, con novos bríos.

Para te poñeres en contacto connosco.

 Se tes interese neste Encontro, podes poñerte en contacto connosco a través de:

  • Correo-e: encontrorural@yahoo.es
  • Teléfono: 636366825 (Alicia), ou 982508237 / 669607675 (Manolo)

  • Enderezo postal: Ponte Roxal, 2, Candia, 27730 – Abadín (Lugo)

A ser posible, contacta antes do 1 de marzo próximo. Darásevos información detallada de todo o referente ao encontro e da vosa posible participación nel.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Noso taboleiro. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s