Aínda Penélope, no poeta Díaz Castro


Xaquín Campo Freire

Cen anos. Dezanove de febreiro de 1914. Nace o poeta.

 Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.

 O Tempo é a categoría. A categoría existencial na súa mente e corazón, que el escribe sempre en maiúscula. O Tempo, era, como para Penélope, como para Rosalía, (“Tecín soia a miña tea”), algo esencial para el e para a Galiza.

 O río está deitado coma un boi remoendo

e o Tempo non sei que anda rente del remexendo.

Gañarlle tempo ao Tempo para non perdermos o obxectivo. Resistir para esperar. Tecer polo día e destecer pola noite. E os tempos serán chegados.

 O Tempo vai medido e tecido polas festas: A Pascua nos Vilares. O san Alberte e A Pastoriza. O san Xoán en Guitiriz. San Roque en Parga. O Quince de Agosto en Bascuas. O Carmio no Buriz. O Rosario en Baamonde. E as feiras de Parga. Eran os marcadores do tempo no Tempo para aquela sociedade, pobre e sufridora nunha posguerra miserenta. E o Nadal e o Antroido. E as tascas e as fías do liño. E as esfollas e os magostos.

 Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

 Para mediren os tempos, para encheren os tempos, para crearen vida nos tempos e cos tempos e así celebrar a resistencia e para non perder o sentido do nós. Porque precisamente na desgraza é cando máis cómpren as festas do colectivo e para o colectivo.

 O Tempo medido tamén polos orballos. E a terra.

 Ei, Terra Verde e Mar de Orballo,

polpa dorida se as hai!

 Agardar que o tempo desorballe polo verán para facer a seitura, ou, xa segadas, as searas e os prados para os labores da terra e facer nas leiras as diversas labrantías. Ou no monte, para cavar, queimar e sementar. E tamén para as merendas das festas.

 Aran os bois, pola outonía.

 Terra sucada, poema de cen versos na outonía!

Orballa na cal, no escuro camiño de tantas vidas …

 Vaise enterrando suco a suco o Outono.

 E chove. Xa no inverno, reducidos ao doméstico.

 Chora a terra desterrada,

terra arada, nai perdida.

 E volve a primavera. E así, Galiza, a tea dos teus ollos se espreguiza, pasando e consumíndose na espera: Xesús María! Na espera dunha esperanza de que cambiarán os tempos.

 Quero morrer de música nunha tarde de pinos.

 E o tres de outubro de 1990 o poeta bota a andar na procura do Tempo definitivo. O seu vivir o tempo sempre foi un desacougo existencial cara ao Alén, persoal e colectivo, coma Penélope, coma Rosalía, coma a Galiza.

 Traguerán os camiños algún día a xente que levaron.

 Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo,

a derradeira rella do tempo en carne viva,

que os paxaros non calen no oco quente da tarde,

que non paren os bois de remoer”.

 Pois,

 desorballando os prados como sono,

o Tempo vai de Parga Á Pastoriza.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Letras Galegas. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s