Destino xalundes


Lidia e Valentina

Barruzo, chaparrada, chuvasco, chuvieira?

Unha lingua non só ten interferencias que saltan á vista, que se aprecian facilmente, que se poden marcar en vermello nun texto escrito, por exemplo, aqueles castelanismos que máis ou menos son recoñecibles. Por exemplo, interferencias léxicas do castelán tan habituais nos galegofalantes, do tipo “jueves”, “acera” ou “tornillo”, que conviven con interferencias morfosintácticas –habituais nos castelanfalantes– como, por exemplo, “Me dixo”, “Había feito” ou “A leite caeuse da mesa”.

Mais logo están esas interferencias que non se ven. Por exemplo pronunciamos en galego formas que teñen un sinónimo que coincide co castelán e optamos por este. Dáse moito en todos os planos, tanto no morfosintáctico como o léxico-semántico. Imos poñer exemplos para que nos digades se temos ou non razón:

  1. “Trouxen este libro para que leas”. É correcta esta frase? Correctísima. Onde está entón o problema? Pois en que se empregamos esa expresión, deixamos de usar unha tradicional galega con infinitivo conxugado: “Trouxen este libro para leres”. Na primeira, mudando o verbo, tamén é correctísima en castelán.
  2. “Chove moito!” Frase repetida nas últimas semanas ata a saciedade… É correcta en galego, como non! Pero se, no país da chuvia, non empregamos máis riqueza léxica ca o verbo xenérico “chover” (que é o que corresponde coa forma castelán “llover”) para referirnos a un fenómeno atmosférico que aquí pode sufrir todo tipo de variantes que se reflicten no léxico (chuvisca, orballo, babuxa, poalla, mamaña, zarzallo, barrufa, breca, sarabiada, treboada, enxurrada, poallo, froallo, coriscada, zarapallada…). Se non usamos máis forma ca “chover” e a acompañamos de “moito” e de “pouco”, estamos a perder moito léxico tradicional.
  3. Igual que pasa coa “chuvia”, tamén sucede cos adverbios. Algúns deles só nos soan de velos en listas de palabras que hai que aprender. Por exemplo, pasa isto con “xalundes” ou “xaora”. Quen di “Estará xalundes”, é dicir, “nalgún lugar”? ou “Xaora que veu o pai!”, é dicir, “Claro que veu o pai”? E non fai falta ir a termos que xa se perderon na fala viva hai tempo, senón a formas coma “cadanseu” ou “connosco”, que están en activo mais só nos usos da xente maior…

A perda destas formas autóctonas tamén é unha interferencia. Xaora, que si!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s