IMOS ESTANDO POR AQUÍ. LEVAMOS SÉCULOS AQUÍ…


Redacción

30anosAsí comeza unha das cancións de A Quenlla, música e letra de Xosé Luis Rivas Cruz, “Mini”, escrita nun episodio de rabia e derrota tralo afundimento do Prestige, aquel petroleiro que, segundo os xuíces, foi o único responsable de emporcallar as nosas costas e a nosa vida. Rabia porque nada mudou daquela nos despachos do poder. Valen estes versos para presentar o novo disco dos nosos amigos de A QUENLLA con motivo de 30 anos de AMOR, DOR E LOITA, de compromiso coa terra e as súas xentes.

Disco dobre con 26 temas: algúns coñecidos por todos, pero que estaban sen gravar. Outros son novas composicións botando man de poetas, amigos e, como non, da creatividade do propio grupo, sobre todo de Mini e Mero.

Nas Romaxes escoitamos moitos destes cantos durante a celebración e o concerto da tarde. Algúns dos temas foron compostos ex profeso para algunha Romaxe, como aquela escrita polo entrañable Bernardo García Cendán: “Peixiño que está chegando, dime quen te foi pescar...”. Ou aqueloutra con letra de Cunqueiro, que cantamos no Salnés: “A dorna vai e vén/que o meu amor ten!”.

Emociona escoitar historias tan fermosas como a de Carlos dos Santos, portugués de Sabadelle que serraba castiñeiros e choraba soñando co Porto e con Lisboa; Xosé Lois García puxo a letra e Mero o son para cantar e danzar coma se andásemos de noite polo Chiado.

E de vez, como anuncio profético do que ha chegar en breve: Penélope. Díaz Castro soñou Galiza coma matria, muller fiel que destecía cada noite o traballo do día, agardando un Ulises descastado. Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move… aran os bois e chove…

Curros, Cunqueiro, Lois Diéguez, Lorenzo Varela, Anisia Miranda, García Bodaño, Rábade Paredes, Manuel María, Darío Xohán Cabana… son cómplices soñadores deste novo traballo de A QUENLLA.

Serve tamén o disco para agradecementos ben merecidos, entre eles Xesús Mato, o cura das montañas do Cebreiro “camiñante deste vieiro, man con man dende hai moito tempo”, Alfredo Garrido, produtor de soños, Xulio Xiz, Alfonso Blanco… E tamén aos compañeiros que fixeron camiño e partiron cara a aló levando sons e soños: Malula, Chus, César Morais e Fiz Otero.

Temos que lles agradecer a estes cantores do pobo tantas cousas, tanta entrega xenerosa, tanto exemplo… e como non, este novo disco, potente, loitador, herdeiro daquel home que levaba a patria enteira na memoria, como reza o tema dedicado a Castelao. Que mellor agradecemento ca o noso compromiso cos camiños de A QUENLLA, que son os camiños desta Galiza que tece e destece:

E aquí estaremos ó final

en pé de Matria comunal

coa luz na porta.

Con esa luz que nos negou

tanta mentira que borrou

a nosa historia… imos estando por aquí, levamos séculos aquí…

Pedidos a: xermolos@xermolos.org

Máis información:www.aquenlla.com

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s