Unha casa de acollida para presos?


Nieves Espiñeira Medín

Andrea y RicardoQue lonxe nos quedan os presos! E que lonxe a realidade dos cárceres! Por iso, ninguén mellor ca Ricardo e Andrea para achegármonos a esta experiencia esperanzadora, que se está abrindo camiño con forza. Coa finalidade de favorecer a reinserción na sociedade, Ricardo Pereira Salaño, voluntario, e Andrea Lago, traballadora social, emprenderon a xestión das casas de acollida das que agora nos falan.

Como naceu esta iniciativa? Como se vos ocorreu facer algo así?

A idea non foi nosa, naceu da capelanía do cárcere. Foron os capeláns os que co seu traballo directo coas persoas privadas de liberdade do cárcere de Teixeiro, vían a necesidade de conseguir para este colectivo, con escasos recursos e carentes de redes de apoio, un lugar onde puidesen ter un aloxamento para que puidesen gozar do seu permiso penitenciario.

E que utilidade pode ter unha casa destinada a xente que está presa?

Dentro do colectivo de reclusos, todos aqueles que xa cumpriron a cuarta parte da súa condena en prisión, -se non teñen ningunha sanción, e se a Xunta de Tratamento considera que son merecedores/as-, teñen dereito a gozar de 48 días por ano en liberdade. Pero para isto os internos teñen que ter un sitio onde vivir nos seus días de liberdade, un aval que se faga cargo deles.

Hai que ter en conta que dentro deste colectivo hai reclusos estranxeiros, afastados da súa familia; outros dos que as súas familias non queren saber nada e, polo tanto, tampouco non lles valen como aval de acollida. De aquí xorde a experiencia de crear pisos de acollida para eles.

Ademais de lles ofrecer o máis obvio, que é o aloxamento e o acompañamento, o piso serve tamén como primeiro paso de achegamento ao mundo exterior, non só no que ás relacións sociais se refire, senón tamén a cousas básicas como gozar do ocio e DSC_0248aprender a xestionar o seu tempo, o valor económico de produtos básicos, a toma de responsabilidades nas tarefas básicas, o coñecemento do funcionamento de servizos públicos…

Cóntanos logo, un pouco máis en detalle, como é o proceso para acceder á casa de acollida.

Como che dicía, os internos son propostos pola Xunta de Tratamento da prisión co consentimento do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria. A partir deste momento, iníciase o proceso de preparación do permiso cos beneficiarios. Os internos piden a vinculación ao programa por medio dos capeláns que informan nun primeiro momento das condicións da vivenda e das normas que teñen que cumprir. Á hora de organizar as saídas téñense en conta, ademais da imposibilidade da familia do interno para acollelo, que coincidan un máximo de tres internos (debido ás limitacións da vivenda), evitando sempre a concorrencia simultánea de homes e mulleres, polas características do colectivo penitenciario. Os informes que realiza a traballadora social ao final do permiso e a ausencia de incidencias durante o mesmo, son tidos en conta pola Xunta de Tratamento para a proposta de novos permisos.

Eses permisos, por cantos días son?

Polo xeral, trátase de permisos de catro días. Por iso, non só intentamos ofrecer un teito para facilitar o goce do permiso; o interno é informado no momento da súa chegada á vivenda de cales son os puntos de interese a visitar da cidade, actos lúdicos que poidan estar programados, comedores sociais, recursos de busca de emprego, servizos sanitarios… intentamos facilitar que estean o mínimo tempo na casa ofrecendo alternativas de ocio económicas e favorecendo as relacións sociais

Na prisión, estas persoas perden un pouco o sentido da responsabilidade; polo tanto, outro dos obxectivos é conseguir que recuperen o sentido da responsabilidade sobre si mesmos e as súas accións. Por iso cando aceptan a nosa vinculación, están a aceptar a normativa interna do piso, que leva unha carga de responsabilidades, coma o aseo persoal, de convivencia coa comunidade ou relacionadas co uso correcto e a limpeza de todo o que pertenza ao piso.

Durante estes dous anos de andaina do programa só cabe destacar unha incidencia negativa que foi a fuga dun dos beneficiarios. Polo demais, todo está a resultar moi positivo; boa acollida dos veciños, estupenda valoración dos rapaces que gozaron do permiso, e a satisfacción do equipo técnico e voluntario que forma parte deste programa.

Hab. IndividualE polo que vexo, estades contentos cos resultados…

Estamos. Vemos que con este traballo obtemos os mellores froitos, facilitamos a reinserción social e máis o contacto cunha sociedade normalizada, a un colectivo afectado por un alto grao de marxinalidade e exclusión.

As dificultades, que tamén as hai (xa chas conto antes de que me preguntes por elas), radican en que os permisos son curtos de tempo e que cando empezan a saborear a liberdade, xa teñen que regresar ao cárcere.

Cando convives un pouquiño máis con eles, decátaste que aínda que están libres uns días, non deixan de estar nunha prisión inmersos na sociedade. No seu tempo de ocio pasean, van e veñen no medio dunha sociedade normalizada pero a maioría deles fano sós.

Pero dicías que houbo unha fuga. Non tedes nunca a sensación de perder o tempo?

O pouco tempo que pasamos con estas persoas, non o considero perda de tempo. No noso pequeno contacto con eles, ves que teñen necesidade de seren escoitados, fálanche do que eles queren, sen presións, cóntanche a súa versión da vida, diranche mentiras ou verdades a medias; só por este simple feito de que se sintan escoitados “paga a pena perder o tempo“, ademais sempre podemos achegarlles algún consello, ou outra visión da vida.

Para que o entendas: durante este tempo houbo unha chea de anécdotas e, aínda que algunha poida parecer un pouco frívola, axúdannos a empatizar moito máis con eles e entender a situación pola que están a pasar: a un mariñeiro que ao gozar o permiso no verán puido ir á praia, había que lle ver a cara coa que nos contaba que era a primeira vez en 7 anos que se bañaba no mar… Unha rapaza que acode por primeira vez ao piso unha tarde de treboada á que despois de facer a acollida, dicirlle as normas, lle aconsellamos darse un baño quente e relaxante, secar o pelo… ver a súa cara de felicidade ao oír a palabra “baño”… Estas cousas fanche sentir que non perdes o tempo.

Algo que para nós pode ser tan natural e de todos os días como escoller o que imos comer ao día seguinte, para eles é un momento de goce que os fai sentir libres.

E como andades de medios?

Este ano atendemos a 36 residentes de Teixeiro, dúas son mulleres. Somos dúas persoas encargadas directamente da xestión da vivenda e de momento temos cubertas as necesidades que isto carrexa.

Agora ben, se nos implicamos cos rapaces que están no CIS, para darlles a vinculación co noso piso de acollida para as fins de semana, é posible que precisemos algún voluntario para cubrir mellor os sábados e domingos. Así, se somos máis, seríanos máis doado repartírmonos as tarefas e non teriamos que desatender, ás veces, as nosas actividades persoais e familiares.

Pero, volvendo á pregunta, hoxe por hoxe, no piso de acollida da Coruña somos dous: Andrea a Traballadora Social, asalariada de Cáritas e eu, como voluntario. Aínda que somos dous os que realizamos o traballo de seguimento e control das altas na vivenda, hai tamén un equipo de 6 persoas que dende Teixeiro -ademais de realizar distintas actividades- informan e ofrecen a vinculación á vivenda.

Os gastos de mantemento da vivenda son asumidos por Cáritas Diocesana de Santiago.

Como se acolleu a iniciativa desde os que a coñeceron sen estaren no allo? Estou pensando, por exemplo, nos veciños da casa de acollida.

A maioría da sociedade, non sabe nada das tarefas que fai Cáritas e outras Institucións cos presos tanto dentro da prisión coma fóra. É máis, a maioría da Sociedade non pensa nunca neste colectivo que está entre reixas.

Creo que dar a coñecer estas tarefas que se están a facer, axudaría a que se pensase máis nas persoas privadas de liberdade e nas súas familias, motivando á sociedade a colaborar.

Un exemplo claro foi precisamente o medo ao rexeitamento que pensabamos que poderiamos recibir por parte dos veciños ao explicarlles en que ía consistir esta iniciativa. Debemos dicir, dous anos despois, que a resposta veciñal é moi boa, ao ver que non houbo incidencias negativas, ata tal punto de ofrecérenlle comida nun momento dado a unha rapaza que estaba a esperarnos para formalizar a alta.

Para rematar, como vedes o futuro dos centros penitenciarios? Agardades cambios?

Pouco a pouco, hai que seguir traballando para que cambie algo a Lei Penitenciaria, que os permisos en liberdade sexan un pouco máis longos, concienciar a Sociedade do que son os cárceres en España, e do que pode supoñer estar privado de liberdade.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s