O lume que prendeu na festa


Crónica da Festa do Lume

Pepe Prada

lume1Non adoitamos ser moi sensacionalistas describindo esas pequenas cousas que organizamos. E abofé que non é nada sensacionalista dicir que a festa do lume deste ano foi unha pequena sensación. E que o lume prendeu na nosa festiña de inverno. E que moitos lumiños coma ese son os que Galicia necesita . E aínda poderiamos dicir algunha cousa máis

A asociación renóvase

Xa na asemblea da Asociación, nas intervencións e debates evidenciouse que estamos dispostos a dispostas a dar pasos importantes. Primeiro revisamos a marcha das cousas que a asociación promove. Pepe Barca rendeu contas, coa precisión e transparencia habitual, e comprobamos que Irimia é sustentable e viable. E iso sen contar con apoio nin subvencións relevantes, simplemente co compromiso, coa gratuidade, co apoio financeiro da base asociativa e dos subscritores e subscritoras.

Informouse da Romaxe en proceso, nas terras de Frades, onde hai un equipo de xente traballando para que a cousa chegue a punto.

Tamén falamos un bo anaco desta revista e de novo debatemos sobre a posibilidade de facer algún cambio na periodicidade ou, tamén, na posibilidade de que a unha parte dos subscritores se lle puidese enviar en versión electrónica. O asunto do posible paso a revista de carácter mensual foi defendido por unha parte dos presentes, mentres que outra parte non o tiña claro en tanto non existise un proxecto alternativo máis maduro para o cambio.

Tamén se informou sobre o bo funcionamento dos chamados sábados bíblicos, na Coruña, e da man dun home sabio da casa: Xoán Carlos Rodríguez Herranz. As participantes nesa actividade amosábanse tan satisfeitas que insistiron en animar ao resto a asistir.

A directiva renóvase e, na presidencia, Lois Ferradás deixa paso a Jose Ramón de la Torre Culler. É un cambio con certo simbolismo, porque Lois, coma moitos dos que alí estaban, é da xeración fundadora daquela primeira Irimia, cos Cruceiros, as romaxes, a Escola Alento, etc…, mentres que o novo presidente, xunto coa actual secretaria, Teri Souto, representan unha xeración, unha rede de contactos, e un equipo de xente máis nova, que asume agora esa misión de dinamizadores deste horizonte común –que dicía Pepe Chao- que chamamos Irimia.

Para un novo contexto eclesial

A cuestión é que os diferentes debates fóronos levando a eses temas clave para calquera asociación: como, no contexto actual, deseñar unha estratexia de vitalidade e continuidade. E cal é ese contexto e cal é esa continuidade.

Efectivamente si que hai algo “no contexto” que cambiou e así se deixou ver na reunión. O cambio chámase Francisco e parece un cambio tan real como distante, e madia leva que non é precisamente curta esa distancia entre o cume dese “novo” Vaticano e esta periferia eclesial do Fin da Terra, ferida e desartellada por anos escuros de regresión e desencanto.

Falouse da necesidade de cambiar de postura, de cerrar a paréntese da catacumba e re-conectar Irimia con grupos, movementos, iniciativas de base parroquial, …ou o que quede delas. Falamos de conectar cos outros restos do naufraxio ( pascua xove, Urca, pastoral xuvenil, grupos….), e tratar de reconstruír a barca.

Houbo diferentes matices e opinións. Hai quen ve un tsunami cultural co que hai que conectar, que está aí fóra e arredor, feito inquedanza máis ou menos organizada por un mundo posible, alternativo, máis xusto e mellor. Centrarse na causa xusta, non tanto no instrumento institucional, nunha eventual renovación da Igrexa, tarefa titánica visto o panorama e sen prexulgar a forza desa sorpresa chamada Francisco.

Concluíuse no interese de todos e todas por organizar este verán un “conciliábulo irimego”, encontrármonos, sentarnos con vagar e falar da asociación , da revista, do futuro, coa idea de recompoñelo. Son deberes para a nova directiva.

As experiencias que animan e anticipan

Despois da Asemblea pasamos a participar dunha mesa de experiencias diversas, creadas desde abaixo, nesa clave de resistencia organizada e creativa, de autoxestión fronte ao que chaman crise pero que cheira a timo.

Na mesa falou Diego Lores da Oficina de Dereitos Sociais do barrio de Coia, unha iniciativa moi vencellada coa comunidade do Cristo da Victoria. Explicou o seu traballo de escoita activa, acompañamento, información crítica e empoderamento de tantos veciños e veciñas do barrio afectadas pola crise. E como moitas veces a clave do cambio está na desculpabilzación, na posta en común, na nova conciencia social e na recuperación de dignidade.

Marcial Blanco contou a experiencia da cooperativa de consumo responsable Zoca Miñoca, na Coruña, partindo precisamente de aclarar que é iso do consumo responsable. Contou como se organizan, como fan posible que labregas de Galicia teñan unha posibilidade de comercializar os seus produtos, feitos coa calidade que deriva da tradición e da proximidade.

Falou tamén Nicanor Acosta, Nica, en representación dos movementos sociais e máis en concreto da Plataforma contra os desafiuzamentos. Impactou ver o inmenso valor da súa experiencia, todo un vellote militante, a carón da xente nova, encarándose á policía e aos banqueiros.

Amelia Amigo, que viña desde o concello de Cervantes, explicou como era a iniciativa Ancares de Meu, unha cooperativa de mulleres veciñas de alí, capaz de ofrecer unha maneira distinta de visitar e patear os Ancares, desde dentro, coñecendo a xente, as casas, os costumes… Tamén falou do paradoxo de seren unha iniciativa de mulleres, premiada… pero que o está pasando moi mal porque non acaba de de ter a regularidade necesaria de clientes.

E, por fin, falou tamén, Manolo Adame, por parte da banca ética Fiare, que lume2nos explicou as últimas novidades e cómo a banca como tal vai comezar a prestar servizos de aforro desde este mesmo ano, ademais de comezar xa a ter oficinas físicas, a primeira delas en Bilbao.

Celebración, musica e festiña

Xaquín Campo foi o condutor da celebración da Eucaristía, moi rica en símbolos, na que se fixeron presentes, agradeceron e celebraron as claves do cambio na Igrexa proposto polo actual Papa. Tamén se fixo espazo para tratar de responder a un dos desafío de Nica na súa presentación: que podemos facer?

Estiveron con nós Bea Pérez Mosquera e o grupo da Pascua Xove de Arousa. Interpretaron varias cancións e Bea, concretamente, agasallounos cunha “première” dun emocionante tema que nace da tremenda experiencia do accidente de tren na curva de Angrois. Tamén estiveron na nosa festa Mini e Mero, cunha escolma do seu novo disco, tamén en rigorosa exclusiva e directo. Fixeron unha especial homenaxe a Díaz Castro, poeta chairego elixido nas letras galegas 2014, un adiantado do espírito que anima Irimia. Todo un luxo e unha gozada.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en As festas do ano coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s