Daniel López
Pois vai resultar que despois de tanto latricar de Europa aínda lle vamos ter que dar as grazas –desde a esquerda, desde a crítica social organizada, ou como queirades dicilo- ás institucións europeas por estaren aí e por poñerlles, de cando en vez, algún límite aos nosos Alí Babás e as súas motivadas tropas de dilixentes urbanizadores.
Certamente, a cousa nosa non ten moito remedio “desde dentro”. Mi madriña! Que prontitude! Acceden ao poder e, veña, a fedellar para contratar obras e servizos con ti xa sabes, arrimar arrimeime, a cambio do que cadre, de cartos, de empregos, de “atencións”. Unha celeridade e unha eficacia incribles. Polo que se vai coñecendo dos sumarios, os casos do lugués Liñares e do ex-alcalde imputado de Compostela, Conde o Breve, poderían dar material de calidade para unha trepidante serie televisiva. Colleita nutrida, en tempo record. A verdade hase saber, tense que saber.
O Consello de Europa (non confundir co Consello Europeo, da UE), advirte “que os casos de corrupción atentan gravemente contra a credibilidade das institucións en España” e amosa moita preocupación no referente á independencia do ministerio fiscal.
E unha comisión do Parlamento Europeo (este si que é parte da UE), aprobou un informe duramente crítico contra a política de “urbanización masiva” e “destrución do litoral” en España, mesmo suxerindo suspender as axudas se non se corrixen os problemas.
O caso é que non foi por falta de avisos. Por exemplo, aquelas polémicas nos noventa, sobre a obsesión por urbanizar praias e paseos marítimos nas vilas e gañarlle terreo ao mar. Avisar, avisamos. Protestamos. Denunciamos. Pero uns e outros querían as praias domesticadas, urbanizadas, inauguradas. E mesmo “refeitas” (O recheo de area de Riazor, unha rampla perfecta para que as augas bravas cheguen ás casas, custou 8,5 millóns de euros). O mar deunos a razón: era mellor investir en investigación, coñecemento e solidariedade.
Francisco, ese señor de branco que sae pola tele, clama contra a corrupción cada segundo día. Todas as miradas europeas postas no Estado español. E un ruidoso silencio ao respecto dos purpurados hispanos, moito máis preocupados pola unidade patria e por un catolicismo imposible, que segue cheirando a nostalxia, naftalina e complicidade.