Insubmisión ante a desigualdade


Por veces parece que nos cercan as informacións que só confirman unha urxencia: a do inconformismo.

 Resulta moi reconfortante ler as palabras de Francisco –como as que reproducimos na Utopía deste número- porque serven como contrapunto e fonte de inspiración fronte aos datos da realidade. Por fin.

 Xa non é que o tema da iniquidade e a corrupción afecte a este ou aquel concello, á deputación de Ourense, á rede Gürtel, ou a Urdangarín. Os informes de Oxfam sobre desigualdade global revelan que no mundo, coa desculpa da crise, para beneficio dos poderosos do planeta, acaba de producirse, en cousa de menos dun decenio, un retroceso infame –inhumano?, ignominioso?- da igualdade a escala mundial. E como complemento, ben ilustrativo de por onde van os tiros, o “China leaks”, que pon en evidencia que os familiares e magnates do coloso do crecemento teñen contas ocultas en paraísos fiscais. Un feito curioso, sen dúbida, revelador da deriva dun sistema –en realidade un capitalismo desaforado e sen control público democrático- que basea todo na maximización do lucro individual.

Ese é o cancro: co cambio de século colouse tamén un cambio de xuízo moral colectivo. Declarada a fin da historia, dos grandes relatos e utopías igualadoras, chegou o momento da éxtase individualista, do “sálvese quen poida”. Só hai historia dos individuos e a riqueza e o triunfo dos listos considéranse a fin desa única historia. Neoliberalismo en estado puro. O mal en forma de estrutura e ideoloxía.

Pero a realidade é teimuda e vai aturar mal iso de que o 1% da poboación mundial concentre a metade da riqueza, que os investidores se lucrasen dos rescates, ou que os vinte españois máis ricos concentren máis riqueza que o 20% da poboación, os de menos recursos. Por certo, un deses homes ricos vive na Coruña e aínda está por ver o día no que dea as grazas e pida perdón a todas as mulleres galegas que traballaron como vietnamitas nunhas cooperativas ficticias, en talleres infames, con horarios extenuantes e salarios míseros; todo para erguer un imperio que se vende como exemplo de triunfo.

Si, cómpre moita insubmisión activa fronte a tanta propaganda insultante, fronte tanta exaltación do moralmente impresentable.

Deixar un comentario