Sabedes esta adiviña?


Lidia e Valentina

“Atrás dun penedo pariuno súa nai, correu pola terra e casou no mar”

Aínda que a solución é doada (o río), ás veces non caemos nun primeiro momento. E non sabemos trucos para aprender a descifrar adiviñas, a non ser o de practicalas, mais iso non o podemos facer neste espazo. Así que hoxe imos comezar por falar de lingua a propósito de dous verbos que aparecen na citada adiviña: parir e casar.

O primeiro deles é un verbo irregular que a maioría da xente ten castelanizado, aínda sen ser moi consciente. “Eu pairo” non é unha frase que a xente adoite dicir, primeiro porque parimos só as mulleres e, segundo, porque se o facemos é de xeito bastante puntual e ocasional. E a primeira persoa é a única que é irregular no indicativo, porque o resto das formas son regulares: ti pares esta semana, ela pare para o mes… Úsase bastante máis o subxuntivo e aí si que se emprega habitualmente o castelanismo. Teriamos que dicir: Oxalá eu paira, ti pairas, ela paira… Aínda que moitas veces se usa o eufemismo: “dar a luz”.

O segundo é un verbo regular, pero que en galego non se emprega co pronome “se”, é dicir, o correcto é “El casou o ano pasado”, Eles casan para o mes” ou “Nós aínda non casamos”. A xente maior adoita empregar ben a forma verbal, mais a forma castelanizada está xa ben estendida, por iso damos este aviso!

Mais non todo ha ser gramática, que tamén está o léxico. E estando arredor dos ríos, acordámonos daquel refrán que di que “Coas canas enxoitas, non se pillan as troitas”. E claro que non, mais con que saques a cana da casa, neste tempo que temos de choiva ou chuvia (formas normativas tanto unha coma a outra) é imposible non mollarse, así que… Claro que tamén pode caer pedra, pedrazo, sarabia ou salpedrés, e entón diremos que está a caer sarabia, a sarabiar, a apedrar, salabrear, salpedrar ou sarabullar.

Imos mirar pola ventá, a ver se escampou, delampou, escambrou, esteou, estiñou, estrelampou….

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s