Riscos da democracia e urxencias varias


Alfonso Mascuñana

Conversa co profesor Juan C. Monedero

O 18 de xaneiro, na Coruña, Juan Carlos Monedero , profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense, mantivo un coloquio no local da Asociación veciñal “Os Anxos”, nun local abarrotado, con preto de trescentas persoas. O título era “Mover ficha; riscos da nosa democracia e urxencia da política”. Dous días antes presentárase a nivel estatal “Somos Maioría” unha iniciativa electoral “popular e aberta á cidadanía”, liderada por Pablo Iglesias e apoiada por Monedero, que logrou en pouco máis dun día 50.000 apoios cidadáns. Aproveitamos para conversar con el.

Dixeches que España necesita unha ruptura, máis ca unha segunda transición.

Si, as transicións son procesos que buscan desactivar as protestas no canto de resolver os problemas, e garantes ás elites do vello réxime un lugar de privilexio na nova orde. Unha ruptura implicaría, ademais, a co-responsabilidade cidadá á hora de discutir e aprobar as bases legais do novo contrato social: dunha nova Constitución.

 

Tes unha grande actividade infatigable e contacto con moitos colectivos. Cal é a túa impresión encol dos procesos de crecemento colectivo que a pa´xinas centrais (2)situación que estamos sufrindo provoca? Canto calou na xente o “si se pode”?

Cómpre situarnos na “hipótese vitoria”: as derrotas conducen á melancolía. As loitas siléncianse, a non ser que se trate de descualificalas. Por iso nada sabemos de centos de conflitos que agora mesmo se dan no Estado. Pero ás veces esa estratexia falla. En Gamonal os medios intentaron demonizar a protesta. Ao gañaren os veciños, convértese nun referente que anima o resto de conflitos. O capitalismo é un sistema cheo de contradicións. O sistema xógase a vida intentando que esas contradicións non aumenten a conciencia da xente. E a democracia ten que tratar de facer da dor coñecemento, do coñecemento vontade, da vontade capacidade e da capacidade transformación.

Despois de moitos intentos xurdiu “Podemos” que quere ser unha plataforma electoral para as europeas. Como nace?

De constatar que o 90% da xente non encontra solución institucional e partidista. Ao teren as eleccións europeas unha enorme abstención, ser pouco relevantes, pero con circunscrición única, son ideais para probar solucións de futuro. Os partidos da esquerda interromperon as conversas de unidade. Entendemos logo que era o momento de emprazar os partidos para que lle entregaran ao pobo a decisión da súa cabeza de lista. Aproveitamos ademais a ventá de oportunidade dunha figura como Pablo Iglesias, que soubo conectar con amplas capas do país e devolverlles a emoción. Ademais, detrás estaba tamén un equipo de xente moza -e non tan moza- ben preparada e motivada. Entón lanzamos a pedra pedindo 50.000 votos para empezar a falar coas forzas políticas. Sacámolas con creces nas primeiras 36 horas. Agora todo se pon en marcha, emprazando os partidos a que acepten unhas primarias abertas ao pobo e asuman que o que máis apoios teña encabezará una lista unitaria da esquerda.

A que atrancos e obxeccións se enfronta ese paso?

Ao silencio mediático (hoxe non estamos en ningún lado que non estivéramos xa antes), ao enfado das formacións políticas existentes (creen que os espazos lles pertencen), ás acusacións de fragmentar a esquerda (cando significa o contrario nun momento de parálise no medio dunha gran crise), de facerlle o xogo ao PSOE e ao PP (cando hai forzas da esquerda no Estado sostendo ao PSOE e ao PP), de propoñer un nome en vez de buscar unha decisión democrática (crítica que é certa pero que impediría aproveitar esta ventá de oportunidade). “Podemos” non é o bálsamo máxico: é unha metodoloxía de urxencia nun momento que pide urxencias.

En que consiste a súa novidade?

En que provimos de fóra da política tradicional (non vimos de Marte, pero nunca tivemos cargos), non temos débedas con ninguén, vimos da escola do 15M e das mareas, en que temos a nosa profesión fóra da política, que estudamos e traballamos arreo, que estamos preto da xente nova…

Cal é o esquema do seu programa?

O programa a día de hoxe é un programa de mínimos porque deberá debaterse pola xente. Nesta primeira fase podíamos pedirlle a Pablo Iglesias que se presentara. Pero todo o demais a partir de agora ten que facerse cunha metodoloxía democrática.

Decepcionará” a aqueles sectores que se opoñen a todo o que cheire a pa´xinas centrais (3)tratar de conseguir votos nunhas eleccións?

Ou o movemento popular vai convertendo a indignación en vontade política, ou as loitas non servirán de nada. Eu creo que a corto prazo non hai solución: nin o mellor resultado nas europeas vai cambiar o Parlamento Europeo. Pero si pode lanzar unha mensaxe en todo o Estado da forza da xente que está farta. E poderemos aproveitar esa forza para os procesos electorais posteriores. O 15 M incorporou a moita xente nova á política. Esa politización hai que convertela en políticas públicas para a maioría e nunha maior participación do pobo na xestión do colectivo.

Non supuxo AGE en Galicia un proxecto electoral de converxencia e de ruptura de inercias, que foi amplamente referendado por lo electorado? Coñeces intentos similares noutros lugares?

Non. Por iso AGE foi unha referencia. E por iso esperamos que superen as súas dificultades.

A dereita busca apoio da relixión, para lexitimar a súa política neoliberal e teno na maioría da xerarquía católica e en parte da poboación. Que opinión tes neste panorama de confrontación ideolóxica do papel que xogan as comunidades de base populares?

Foi terrible o papel da relixión católica no século XX, especialmente en España. Ademais a secularización social propia do mundo occidental veu acompañada dun elitismo da xerarquía católica, que afastou ao mundo progresista destas crenzas. Os xoves progresistas non están coa igrexa, mentres que os xoves máis conservadores parecen atopar nas posicións máis retrógradas un espazo de identidade. O Papa Francisco está supoñendo unha “revolución” que, se ben non pode evitar os elementos de tutela propios da crenza nun ser superior omnisciente, omnipotente e omnipresente, si pode regresar á figura de Xesús que é máis atractiva para os sectores populares en loita. E nesa aposta por Xesús, as Comunidades Populares, que sempre estiveron á vangarda do compromiso social, poden atopar un lugar de recoñecemento que lles permita unha nova presenza e, sobre todo, disputar o espazo aos sectores conservadores da igrexa católica.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s