MUPEGA


En Santiago hai moitos tesouros. Con isto non digo nada raro, pero hoxe vouvos falar dun que é para moitos descoñecido. Trátase do MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), que está en San Lázaro, na saída de Santiago cara a Lugo.

Neste museo podemos ver de xeito moi gráfico a historia da nosa escola. Podemos ver a recreación dunha escola de ferrado, que era a maneira na cal moitos mestres sobrevivían dando clases a cambio dun ferrado, xeralmente de millo, así como recreacións de aulas da Restauración, da República ou do franquismo. Tamén hai xoguetes, recordos, lembranzas… Toda unha chea de coñecemento entretido e moi visual.

Agora, ata abril, hai unha exposición sobre a EXB. Vai dende uns cartaces interesantes sobre a súa historia e o que pretendía ata novas recreacións e obxectos da época.

Xa sei que algúns dos que ledes isto, ou ben sodes de antes a EXB ou ben sodes da LOXSE, pero a meirande parte de nós pasamos esa época e comezamos a ser “obxectos de museo”. Se tes un bocadiño de tempo e non tes que facer por Santiago, podes ir ata o MUPEGA a visitalo e, de paso, ver a exposición. Pasarás o tempo lembrando e pensando o que dicía Jorge Manrique e que aprendemos de memoria nas aulas de EXB: “Como a nuestro parecer, cualquier tiempo pasado fue mejor”.

Deixar un comentario