O fachineiro dos desprezos
Hai uns días o diario El país concedía gustosamente unha plana enteira para que un catedrático de Filosofía Moral e Política (sic) da Universidade do País Vasco expresase a súa opinión sobre o que el consideraba estatísticas infladas (13% de uso habitual) sobre o éuscaro. O home notábase molesto porque ese 13% é moito máis do que a el lle parece real. Pero, ollo, non se pense que lamentaba que iso fose en contra da diversidade lingüística, que reducise a visión do mundo, que houbese que facer algo para mellorar esa situación. Non, el viuse na necesidade de dicir que se os que respondesen as enquisas fosen valentes dirían “non o falo porque non teño necesidade nin ocasión de empregar esa lingua” . Ao vasco refírese como “neolingua”, xa saben, esa inventada polos filólogos, pero non a que fala a xente. Diso sabemos moito. Tamén sabemos que os prexuízos lingüísticos non entenden de nivel cultural ou clase social. Cando Feijoo gañou a primeira vez, ao lombo da súa política antigalego, tamén houbo profesores universitarios que proclamaban con alborozo “no queremos normalización; queremos libertad”. Sobre prexuízos calquera galego pode impartir un máster. O último despropósito, no Carballiño: o alcalde pide á Academia que acepte pulpo. Poderase pedir á facultade de Bioloxía que acepten alcalde como animal de compañía? Pediremos ao alcalde que inclúa un pokemon na bandeira do Carballiño como memento da súa praxe política?
A.Q.