Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación


Desde 1981 a 2010 os estudos sobre Prisciliano están a interesar, mais nunha dirección diferente a que provocara o galeguismo da xeración Nós. Tal xeración aceptaba a Prisciliano como herético e como unha das raíces do diferencialismo galego. A actual reivindica a ortodoxia substancial de Prisciliano, ve nel ‘un mito fundacional’.” (Francisco Carballo).

 Prisciliano e o priscilianismo é un dos temas máis apaixonantes da historia galega, hispana e europea. Segue hoxe interesando por diversos motivos: históricos, relixiosos e políticos. Particularmente na Galiza; porque a figura de Prisciliano segue a constituír todo un referente espiritual, histórico e social para as galegas e galegos do século XXI; o seu pensamento e doutrina enraizaron con forza na nosa comunidade, o que explica que hoxe siga a espertar interese. Xa no ano 2000, Xosé Chao Rego publicou o seu Prisciliano. Profeta contra o poder, retomando desde unha renovada perspectiva a figura do líder galaico executado en Tréveris. O libro de Chao abría un camiño.

 O tema resulta atractivo por ser Prisciliano un rebelde relixioso e social que acadou un gran seguimento en vida en todos os estamentos sociais e, máis aínda, de morto. E tamén polo feito de morrer coma mártir da intolerancia política e relixiosa, ou polas historias escuras que circulan sobre o priscilianismo (druidismo, maxia, heterodoxia…).

Victorino Pérez publicou hai tres anos o ensaio Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Galaxia 2010), que a profesora Dolores Vilavedra cualificou como “antídoto ideal para contrarrestar a sobredose apostólica” do Xacobeo. Tivo unha boa acollida na sociedade galega, dúas edicións en dous anos e, en breve, unha versión portuguesa co eco de Prisciliano na cultura do país irmán. Xosé Neira Vilas comentou: “Está todo: o alcance das ideas do profeta; a súa obra de teólogo e herexe rehabilitado; o mito; o movemento social contra do poder; o que significou nas orixes da cultura galega; os enfrontamentos entre priscilianistas e antipriscilianistas; a dicotomía Santiago/Prisciliano” (El Correo gallego).

 En 2012, Victorino publica un novo volume: Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación (Editorial Biblos,2012). Nel, especialistas no tema achegan as últimas investigacións. Victorino introduce o que hoxe sabemos de Prisciliano; a profesora de dereito da UDV, Mª José Bravo Bosch, fai unha análise xurídica do proceso de Tréveris; o profesor Andrés Olivares Guillem percorre o priscilianismo na Idade Media; o seu eco en Portugal, achégase da man do profesor Ricardo Ventura; e Mª Pilar García Negro, ex deputada e profesora da UDC, estuda o tema de Prisciliano e as mulleres.

Segundo o crítico Francisco Martínez Bouzas, o libro representa “A vinganza de Prisciliano” (Novenoites. Caderno de lecturas e críticas). Cita palabras de Mª Pilar García Negro no libro, cando analiza a reutilización do mártir galego coma unha historia máis “á galega” (“onde poderes eclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas”); a “vinganza” de Prisciliano consúmase, para a profesora e escritora, con Rosalía de Castro, que o revive e resucita.

 Prisciliano pode ser unha boa compañía e unha lectura interesante para estas datas. 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler. Ligazón permanente.

One Response to Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación

  1. Pingback: Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s