Se pan de millo vas merendar…


O peto común

Josecho de la Torre

Un novo disco-libro chega nesta recta final de ano. Piollos, pulgas, piratas, espantallos, canciños. “Aos vellos que coidan dos nenos e aos nenos que coidan dos vellos”, advírtenos. Este disco de Migallas, da man da editora Kalandraka vén fornecernos coas frangullas que os avós deixaron para netos, bisnetos e xeracións vindeiras. E que ben feito está, e que necesario. Un bo antídoto para que os novos, e quizais non tan novos, saiban que os alimentos non medran no supermercado; unha boa receita para revivir o modus vivendi dos que sementaron cultura en terra, moeron nos muíños e comeron do seu. Á canción de Pan de Millo así chamado o traballo, engádeselle máis dunha ducia de temas que nos ensinan, nos lembran e nos entenrecen. Simultaneamente a este disco, renace a revista Luzes, baixo a dirección de Manuel Rivas e de Xosé Manuel Pereiro. Entre as 130 páxinas do primeiro número, emocióname un artigo de María Yáñez “Eu vivín Cantareliña”, outro milagre que naceu hai 30 anos e que dende 1983 ata 1990 encheu Galicia dunha verdadeira xeración de nenos cantores. Cantareliña foi un certame no que cativos e adultos compoñían as súas cancións para defendelas diante dun xurado. Había semifinais e finais, e de aí saían gañadores. Eu tamén tiven a sorte de ser un neno Cantareliña, como tamén o foron a poeta María do Cebreiro, o irmán Abe Rábade e a actriz Cristina Castaño. Estes certames, retransmitidos en directo por Radio Nacional e a Radio Galega, coa gravación e posterior emisión da TVG, celebráronse durante eses anos no pazo da Marquesa de San Sadurniño, na comarca de Ferrol. Ramón Díaz, párroco naquela época de San Sadurniño, impulsou o grupo Saraibas para levar adiante este certame influído pola súa etapa en Roma, onde coñeceu o concurso Zecchino D´Oro da RAI, que aínda hoxe continúa. E que queda de Cantareliña? Pois máis de 200 temas gravados que, grazas a moitos mestres, directores de corais e pais, seguen traballándose nalgunhas escolas, agrupacións e casas. Oxalá que iniciativas como Cantareliña continúen sendo “pan de millo” para todos aqueles que viven a nosa Cultura.

Se pan de millo vas merendar, mira o traballo que hai detrás” (Pan de millo)

Mentres canten os meniños, Galiza será inmorrente” (lema do festival Cantareliña)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Up ↑

%d bloggers like this: