Auxe e caída da gran caixa galega


O inusitado optimismo que arrastra a compra venezolana de Nova Galicia Banco é unha síntoma evidente da desesperación que cundiu no noso sistema financeiro nos últimos anos. Se hai cinco anos anunciasemos que alguén se faría coa máis potente rede de oficinas galegas só por mil millóns de euros (e ao final será moito menos), non o creriamos. Se ademais dixesemos que previamente se gastaron nove mil millóns de euros públicos a fondo perdido para rescatalo, realmente acusariámolo de demente.

Porque demencial foi o proceso no que se envorcaron as ducias de miopes directivos que xestionaron imprudentemente os nosos aforros consumando a grandísima estafa que foi o mercado das preferentes e subordinadas no noso país.

Tampouco recibiron gran axuda por parte duns grupos políticos que pensaron que unir as caixas galegas era unha boa idea, desoíndo os avisos que alertaban que a unión non sempre fai a forza.

Reclamar a galeguidade tampouco pode ser un criterio suficiente para explicar o funcionamento dun banco. Foi unha forma errada de galeguidade a que enterrou as nosas caixas de aforro sen que ningún dos espelidos políticos que estaban no seus consellos de administración soubese ou quixese saber en que se estaban convertendo.

Dicir que a nosa avaricia botou a perder as caixas é falsear a realidade. É evidente que todo o mundo busca a máxima rendibilidade para os seus aforros (dentro duns límites de seguridade). Pero que os seus gardiáns fosen incapaces (uns por capacidade e outros por vontade) de deter aquela sangría, e que moitos deles sigan aínda hoxe pilotando os nosos aforros, deprime.

Da mesma forma que desde a Administración Pública seguimos sen saber que facer para levantar este país, salvo dicir que non se gastará demasiado, desde o eido financeiro tampouco deixamos agromar os sectores que poden converter o capital humano galego (a nosa xente) nalgo máis que unha anécdota entrañable que se nos anuncie con encanto.

Nos dous últimos anos, todas as entidades galegas foron vendidas a capital foráneo. En 2011, o Banco Popular faise co Banco Pastor, en 2012, Banesco co Banco Etxeverría, en 2013 o Banco Sabadell co Banco Gallego e agora culmínase a operación de alleamento financeiro. Caixa Rural segue existindo si, pero sen o peso específico que poderían ter algunha das entidades antes descritas.

Dous millóns de clientes e tradicionalmente cun 40% do mercado bancario non foron suficiente razón para revertir en entidade pública unha caixa de aforros que foi arruinada polos adalides do libre mercado financeiro. Se algo demostrou esta crise é que os mercados financeiros nin axudan ao reparto da riqueza (xa o sabiamos) nin son eficientes na súa procura.

Fagámonos á idea: NG banco xa non é galego, mesmo hai quen o quere rebautizar, mudando o apelido. De todas formas, estratexicamente, a marca Galicia nunca desaparecerá do seu nome, pero hai moitos anos que desapareceu do seu ideario.

A partir deste momento, teremos que comezar a pensar máis no que lle ofrecen aos nosos aforros en clave de país, non en clave de xuros.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s