Outra película


Daniel López

(O Trasno da quincena anterior)

A ver se desta entendemos a trama, porque ten o seu aquel.

 Primeiro sae unha secuencia na Axencia Tributaria dun estado europeo que presume de marca, pero que, no ranking de 2013, supera en corrupción a varios países africanos e asiáticos. Nesa secuencia cesan unha funcionaria inspectora porque, a pesar da presión dos seus xefes políticos, non lle perdoa 450 millóns de euros a unha industria defraudadora, CEMEX, mexicana, como a mítica PEMEX.

Tres despachos máis alá, como creando ambiente por fóra do guión, alguén decide que unhas facturas que antes eran falsas, agora pasan a ser correctas e, así, alguén da casa real non chega a delincuente fiscal, quedando a cousa en infracción menor.

 Despois vén outra secuencia na que se dá a entender que aquel “perdón” fiscal a CEMEX podería ter algo que ver con cousas como a loita polo control de REPSOL, con promesas de investimentos industriais, ou quizais mesmo con que non se desbote definitivamente a posibilidade de construír, algún día, quen sabe, Pancho Villa mediante, algún dos buques de PEMEX en Vigo ou Ferrol.

 Despois vén un flash-back , retrocedemos no tempo e vemos que á estatal mexicana PEMEX, que iría a por todas, que é dura de roer, se lle vende a prezo de saldo a maioría das accións da galega Barreras, unha das máis competitivas do mundo no seu rango, tamén para que “seguise pensando” a ver se, nunha desas, e tal e cal, se compadece e constrúe os floteis de marras en Galicia.

 E daquela vén a secuencia central, cando, imaxinade a cara de PEMEX, a dirección de Navantia decátase pola prensa de que Repsol e Fenosa-Gas Natural, españolas elas pero non tanto, e con ex altos cargos públicos nos seus consellos de administración, encargan a construción de catro gaseiros a Corea e Xapón, dando exemplo. Tamén hai aquí un flash back sobre esas empresas, recordando que unha delas foi pública e a outra ten parte das súas raíces en Galicia.

 Despois sae unha manifestación desesperada en Ferrolterra e alguén que berra aquilo de que Dimitir non é un nome ruso.

 No desenlace, inesperado, caemos na conta de que, a pesar da aparencia, non era pura e simple inutilidade duns directivos, pois había un aquel de “vaino deixando ir”, como preparando a privatización de Navantia e así ter máis sitio onde colocar ex altos cargos cando crucen a famosa porta xiratoria. O último fotograma é precisamente ese: unha porta xiratoria. 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s