Este país necesita un avaro comodiosmanda


Pedro Pedrouzo Devesa

Smallweed é un personaxe de Bleak House, unha novela de Dickens que a BBC converteu nunha estupenda serie de televisión no 2005. Trátase dun personaxe avaro, agarrado, malencarado e sen ningún tipo de escrúpulo. Este individuo herda un negocio que se encontra totalmente asolagado de documentos, a maior parte deles sen valor ningún. O máis curioso é que Dickens elixe este individuo para que, grazas ao seu afán desmedido de enriquecerse, encontre un documento que resolverá a trama xudicial da novela, construída ao redor dunha herdanza sen herdeiros claros.

Smallweed pasará días seguidos fitando papel a papel todos os milleiros de documentos, separando pacientemente os que valen dos que non (rubbish, rubbish, laiase seguido Mr. Smallweed). Cando eu vía ese traballo meticuloso que se prolonga ao longo de varios capítulos, pensaba na incapacidade que temos para diferenciar os millóns de quilos que diariamente tiramos ao lixo sen ningún tipo de pudor ecolóxico.

Se cadra, Adam Smith ten razón e cómpre o egoísmo para acadar un ben social. Smallweed confía en que o seu traballo de selección chegue a bo porto e lle dea ganancia, mentres que a nós nos importa pouco cal será o destino de pilas, plásticos, latas e cartóns.

É certo que a factura municipal do lixo é a mesma para quen separa que para quen xunta todo o lixo sen criterio. Parece difícil premiar de forma individual o comportamento ecolóxico e por iso, tradicionalmente, as administracións públicas céntranse máis en concienciar da súa necesidade ca en primalo economicamente.

O modelo que temos, capitaneado por Sogama fundaméntase na incineración do lixo para a obtención de enerxía eléctrica. E agora comeza a crebarse ante a evidencia de que as primas económicas que recibía esta produción desaparecen por mor dun dos maiores timos que nos fixeron nas últimas décadas: a privatización do sector eléctrico e o invento do déficit de tarifa eléctrica, que inicialmente orixinou un esaxerado endebedamento público e que agora mudará en aumentos do “recibo da luz” abusivos. O déficit tarifario consistiu en asegurarlles ás empresas eléctricas un prezo mínimo que se lles pagaría por quilovatio producido (segundo os seus creadores, reflectía o custo real de produción de enerxía) e do que se faría cargo o Estado na parte que non se trasladase ao cidadán.

Unha vez demostrada a imposibilidade de soster o modelo, agora quérese solucionar o problema eliminando as primas ás enerxías renovables (a de Sogama entra neste apartado) e subindo a tarifa da electricidade. Ao perder esas primas, Sogama enfróntase á inviabilidade económica: é unha empresa que non dá cuberto os custos se non traslada esa baixada de ingresos aos seus clientes, que son, en primeira instancia, os concellos e, en última instancia, os cidadáns.

Noutro extremo está Suecia, que necesita importar lixo para seguir producindo enerxía, debido ao seu altísimo nivel de reciclaxe. E reciclar non significa só salvar ecoloxicamente un recurso natural, senón recuperar para o sistema produtivo millóns de euros en plástico, latas, cartón, aluminio e ducias de metais valiosos que a nosa ignorancia sepulta baixo un monte de cascallo diariamente.

Nalgún momento haberá que pedir responsabilidades aos sucesivos “encargados enerxéticos” que nos puxeron nesta tesitura, comezando por González e Aznar, pero ao mesmo tempo haberá que apostar por saídas máis ecolóxicas que nos descubran os millóns de euros que tiramos anualmente ao lixo, sen darnos conta de que, co que nós tiramos, Smallweed sería multimillonario.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Economía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s