Elysium ou o invento dos papeis


Pedro Pedrouzo Devesa

A ciencia ficción sempre foi un xénero cunha inmensa capacidade de mostrar o lado irracional da nosa sociedade. O truco é doado de explicar, pero difícil de levar á práctica con éxito: temos que manter a esencia do problema, e arredor dela crear un mundo fantástico que nos axude a quitar a venda dos ollos. Desa forma descubrimos que unha afirmación, cen mil veces repetida polo eco mediático do poder, era tan falsa como espido estaba aquel emperador, timado por uns xastres diabolicamente intelixentes. Pero para iso necesitamos apartarnos do accidental, a nosa contorna, e trasladar o problema a un mundo ceibe dos condicionantes que establecen os medios.

District 9, In time, ou a mesma Elysium son películas que nos últimos anos criticaron formas abusivas de poder derivadas da enorme inxustiza que existe na distribución da riqueza do planeta.

Elysium é a urbanización espacial máis luxosa que nos poidamos imaxinar, á que se trasladan os millonarios terrestres unha vez convertido todo o planeta nunha enorme favela. Elysium ten todos os servizos posibles, incluída unha máquina que ten a capacidade de curar calquera enfermidade humana. Só ten un problema: non a poden usar todos os humanos. Non existe a sanidade pública para os que non habitan o satélite Elysium. Só poden gozar dela aqueles que teñan a condición de cidadáns rexistrados no seu padrón dixital. Calquera intruso que queira achegarse a esa fantástica urbanización espacial será repatriado… ou aniquilado. As naves dos habitantes da terra que ansían vivir alí son tratadas de forma semellante ás pateiras que tan ben coñecemos. Dous mundos practicamente estancos, se non fose porque todos os recursos que alimentan Elysium proveñen da Terra, onde son extraídos polos seus habitantes explotados polas grandes empresas elysias nunhas condicións laborais idénticas ás que sofren os traballadores do Terceiro Mundo. A súa miseria garante a súa produtividade.

Unha das claves da película radica nunha disxuntiva: é posible que a riqueza de Elysium se poña ao servizo de todos os seres humanos, ou debe ser patrimonio único dos seus habitantes? Os elíseos pensan que se debe restrinxir o seu acceso. Só poderán gozar dela aqueles que teñan os papeis en regra. A que me soa isto?

O Mediterráneo pode ser un medio de comunicación ou de exterminio. Nos últimos anos gañan enteiros as teses elíseas. Pero tamén sabemos, grazas á historia, que non se pode estar roubando indefinidamente sen que os excluídos se rebelen contra a inxustiza… dunha forma drástica.

PD: É posible que a riqueza de Elysium se poña ao servizo de todos os seres humanos, ou debe ser patrimonio único dos seus habitantes?

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Política coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s