A casa tomada


(Abrimos nova sección na revista! Chámase Contra a crise, autoxestión e trata precisamente diso, de difundir e recoñecer diferentes pequenas accións que polo país pululan, como resposta diferente á oficial ante a crise. Esta é a primeira entrega).

Dentro da estación de tren de San Cristóbal, na Coruña, atópase o local que dá abeiro a este proxecto, un espazo social, autoxestionado, que leva adiante unha asociación sen ánimo de lucro. Alí acóllense actividades relacionadas coas artes escénicas, audiovisuais, coa música e a pintura. Traballan en asemblea e queren levar adiante o seu proxecto de maneira colaborativa. David Paz Lafuente, que é o noso entrevistado, asegúranos que estamos diante dun proxecto sustentábel.

A FICHA

Nome: A casa tomada

Quen son? Unha asociación cultural sen ánimo de lucro.

Onde están? Na Coruña, nun antigo almacén da estación de tren de San Cristóbal.

Que fan? Ofrecer actividades de lecer creativo: concertos, teatro, intervencións artísticas, cinema, obradoiros…

A casa tomada preséntase en público como un “espazo social de intervención artística”. Semella un nome longo no que todas as palabras importan. Que significa no día a día?

É unha óptica interesante a que propós. Do meu punto de vista, eu deteríame nesa combinación de dous elementos: o social e a intervención artística. Respecto do primeiro termo, o ‘social’, até o momento desenvolveuse en dúas vertentes: por unha parte, en tratar temas de interese social para a comunidade e por otura, ademais, en expresar a nosa vontade de integrar colectivos e persoas diversas, con inquietudes comúns.

Isto, loxicamente, tamén nos afecta aos/ás integrantes da asociación, como microsociedade que conformamos, respecto das súas dificultades e limitacións e mais das súas potencialidades e oportunidades. Algunhas veces resolvemos esta disxuntiva e outras veces non. Como calquera grupo de persoas.

No de ‘intervención artística’, é onde caben maiores doses de creatividade e onde as accións de cara ao exterior son, con certeza, máis visíbeis. É importante o concepto de intervención para nós, porque a vontade que temos desde o principio é a de experimentar cos xéneros e coas fórmulas nas que as actividades que ofrecemos son desenvolvidas. Ao estarmos aínda no comezo do camiño (apenas levamos dous meses en funcionamento de cara ao público), somos conscientes de que esta ‘intervención’ está aínda lonxe de ser o que pretendemos, mais temos paciencia.

Como nace a idea, como se pon en práctica?

A idea xorde precisamente pola inquietude dun grupo de persoas, que partillan unha visión sobre o espazo e as necesidades locais en canto a un ocio de calidade á marxe dos circuítos habituais de consumo. Ao ir crecendo ese grupo, a visión amplíase e cómpre integrar multitude de novos desexos e proxeccións persoais. É un reto difícil, mais intentamos velo como unha oportunidade e nunca como un obstáculo.

Desta maneira, pór en práctica un proxecto con esta potencialidade esixe moita dedicación, esforzo, coordinación… e o tema económico tamén foi un condicionante grande (aínda que, polo que estamos a comprobar, non é insalvábel cando se manteñen obxectivos razoábeis guiados pola autosustentabilidade e a escalabilidade, como din os informáticos/as). Porén, penso que a ruta deseñada está ben estudada. Non é perfecta, nin moito menos, mais estamos dispostos/as a traballar colectiva e individualmente para cumprirmos os nosos obxectivos. Por iso tamén lles pedimos moitas veces comprensión aos nosos socios e socias, así como a todos/as os/as artistas que nos visitan. Existe marxe de mellora, é obvio, e o interese pola nosa parte é moi claro nese sentido: queremos facer as cousas o mellor posíbel. Non obstante, neste punto cómpre lembrar que todas as persoas que conformamos a Casa Tomada facemos o que facemos porque gustamos diso, sen recibirmos nada a cambio. Unicamente a satisfacción por ver cumpridos os nosos obxectivos (que non é pouco, ollo!).

Supoñemos que habería atrancos, pero tamén apoios….

E supoñedes ben. O proxecto da Casa Tomada sería practicamente inviábel sen o apoio loxístico, humano, operativo, tecnolóxico, administrativo e, por suposto, económico de moitas persoas. Non nos cansamos de agradecerlles a súa colaboración. Seica conseguimos inspirar a confiabilidade necesaria na xente para que visen atractivo o proxecto e agora sentímonos coa gran responsabilidade de retribuírmos a súa axuda.

Invítanos a ir e participar, por favor: que estades facendo, que plans tedes?

Neste momento estamos envoltos nun proceso de reorganización de áreas, coa redefinición dalgunhas xa existentes e a previsión de crear algunha outra nova, como a área infantil-familiar (unha das pólas que temos pendentes e á que lle temos moitas ganas). Logo do tempo que transcorreu desde a inauguración, a pesar de que non é un período de tempo moi longo, temos xa detectadas algunhas cousas que non van todo o ben que deberían, outras que ‘progresan adecuadamente’ e algunha máis que podemos incorporar ao prebe. Dada a nosa particular situación como asociación sen ánimo de lucro aberta a tantas posibilidades, mais cun percorrido limitado de momento polas tarefas que podemos asumir como equipo humano, entendemos que debemos avanzar paseniñamente. Porén, o obxectivo é crecer, de maneira sustentábel e razoábel, mais crecer á fin. Por sorte hai bastantes persoas interesadas en integraren o equipo e funcionaren desde dentro. Isto é fantástico, pois estase a cumprir unha das premisas coa que nacemos, que vén sendo a vontade de que a xente ‘tome’ a Casa, que a faga súa e participe da súa andaina.

Ademais, temos aínda pendentes tarefas de habilitación do local, que por diversos motivos aínda non puidemos afrontar. Queremos avanzar na adecuación das instalacións para novas actividades, nomeadamente co pequeno faiado con que contamos, onde temos proxectado realizar actividades de tipo formativo que non esixan un espazo moi amplo e reservalo tamén como local de esparexemento e ocio; e tamén queremos adecuar algunha das estancias que nos serven actualmente de almacén e despacho, a nivel interno, para gañarmos en confortabilidade e comodidade. Son pequenas cousas que axudan a nos encontrarmos máis a gusto e a nos organizarmos mellor, alén de permitirlle á asociación ofrecerlles ás súas socias e socios un espazo máis atractivo e completo.

Xa que logo, en resumo, diría que nos vindeiros meses temos intención de, por unha banda, crear algunha nova área, consolidar as que xa funcionan ben e redefinir as que teñan algunha necesidade específica (tanto humana como de contidos). Por outra banda, queremos finalizar coas tarefas físicas e conceptuais de adecuación e deseño da Casa.

Entretanto… seguirán as artes a tomar a asociación. Un plan sinxelo, non si?

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Contra a crise, autoxestión. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s