A.Q.
O fachineiro das estafas
Unha das cousas que máis chamou a atención deste fachineiro no mes que rematou -e mira que houbo ben delas- é o feito de que o Goberno “dá por perdidos” 40.000 millóns de euros dos que todos pagamos para salvar bancos. E que máis ten se ao mesmo tempo ficamos sen dereitos, sen dependencia, sanidade ou educación. O que me tira do xenio é que aquí ninguén dixo nin arre nin xo. E 40.000 millóns de euros son máis dunha ducia de veces o que se sachou no penúltimo recorte deseducativo. Son 6.640.000.000.000 millóns de pesetas para os que usamos crema anti age. Curioso este silencio e esta resignación. Parece coma se eses cartos non fosen nosos, unha forma de pensar que adoito se atribúe á clase política. E agora lembro -cando se dicía hai só ano e medio que isto era un préstamo que os bancos tiñan que devolver- aquelas palabras do profeta Goirigolzarri cando anunciaba que “aquí no hay que devolver nada”. Así resucita bancos ata Cañita Brava! Á espera de que o mestre Devesa deite luz sobre o asunto, quedo con cara de ferreiro. Son tempos para recordar aquela canción do Zeca Afonso: Já hoje muito maroto/Se diz revolucionário/E faz da bolsa do povo/Cofre-forte do bancário.