Para que non o secuestren


Daniel López

Esa é a razón que eu daría se alguén me preguntase: por que hai que apoiar a Bergoglio?

Podería ser, tamén, para que non o maten, pero iso sería máis difícil de evitar. Algo máis evitable é o secuestro da mensaxe, a domesticación.

Tanto no discurso “ad intra”, isto é, o que vai portas a dentro, a cousa organizativa, o papel dos curas, o de poñer orde na curia e na pasta, xestionar o pluralismo interno e revisar o papel da muller… como no discurso “ad extra”, sobre o mundo e o seu goberno, a secularidade, o papel da milenaria institución neste pequeno planeta multicolor. Toda posible novidade pode ser –vai tratar de ser-  neutralizada por un aparato poderosísimo, seleccionado á mantenta durante trinta anos, un a un, entre aqueles que máis medo patolóxico demostraron ao cambio e que con máis teimosía e eficacia perseguiron a quen tratara de substituír unha ideoloxía de dominación por unha boa nova de liberación.

Podemos poñer exemplos, como ese do alemán Müller, “rectificando” desde as barricadas ratzinguistas a mensaxe positiva de Francisco sobre acoller as persoas divorciadas e re-casadas nas comunidades.

Podemos imaxinar tamén os rouquistas e a caverna toda roendo certas mensaxes moi concretas, e os malabares que teñen que estar facendo para “reconducilas”. Por exemplo: de maneira simultánea ao procesamento xudicial de Berlusconi, un pronunciamento tan claro e significativo sobre a corrupción política. “Quen rouba ao Estado e doa á Igrexa é un hipócrita corrupto” . E sinalando a quen di “Eu son un benfeitor da Igrexa, meto a man no peto e doo á Igrexa”.  Pero coa outra man rouba: ao Estado, aos pobres…rouba”

Agora hai que poñer a moviola, ver aquela imaxe de Camps comungando con ostentación na catedral de Santiago, a Urdangarín e a Infanta, aquelas imaxes das visitas papais a Valencia, revisar os datos de instrución do caso Gürtel e ver en que medida certas montaxes están luxadas por unha enorme maquinaria de corrupción. Mecenas da Igrexa Española! Perigo total.

E, ademais, Bergoglio apunta un dato nada superfluo: roubar ao Estado é roubar aos pobres. Esa obviedade nada obvia, de esquerdas, seguro que pon nerviosa a toda a xente “guapa” e  debería, en igual medida, ter outros recoñecementos.

Por iso coido que non é o momento do purismo, senón da estratexia e da cordialidade.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s