Hoxe, co corazón ben apertado


Lidia e Valentina

Vai outro Falando da Lingua. Este xa é vello pero servidor ás veces desborda e non dá atendido a todos os seus compromisos, polo que non colga os artigos cando lles toca. Aí o vai agora. (Nota do xestor do blog)

Somos afortunadas, entre outras miles de cousas, porque hai quen nos le…, e incluso quen se dá conta das grallas que se nos coan. Grazas, César Salgado, pola túa agradable nota. Desculpade, aprezados irimegos. Isto vén a conto do título do noso último artigo, no que falabamos das *contracións. Tanto apertamos, que foron cun só c: teriamos que ter posto contraCCións. Insistimos, perdón. Ben deitamos de que sodes comprensivos…

Pero non somos nós as únicas que se despistan. Tamén na portada desta última revista foi unha gralla ben gorda: “Por *una memoria xusta e reparadora”. Evidentemente, tería que ter sido “unha”. Botámoslle a culpa (que desta volta si a tivo) ao corrector automático do programa de texto. Así e todo, a responsabilidade última é dos correctores da revista, e unha parte de culpa cáenos… Ás veces o tempo é pouco e… vai pola peneira rara. De novo, perdón.

Do que non sabemos que pedisen ningunha desculpa é polos “colchóns de peirao” para os albergues do Xacobeo, cando estaban a falar (queremos supoñer!!!) dos colchóns de muelles. Pois si, foivos cousa da Xunta de Galicia, que tamén botou man dun corrector automático para facer pública unha solicitude de  material… Vaia, vaia, vaia.

Así e todo, hoxe temos pouca gana de leria, temos o espírito ben contraido por un acontecemento deses naturais da vida. Falamos da morte. Si, xa é vello o conto de que nacemos para morrer, pero para iso tamén hai unha idade, e de aí para arriba. O caso é cando a morte leva por diante a alguén de corenta e tantos. Aí mete máis medo, e cando ese alguén é un coñecido, un compañeiro, un amigo…, o golpe é grande. Hoxe non nos saía nada, madia a levamos con esas grallas, estamos mergulladas na dor, respiramos fondo e a pena, a aflición, a angustia, a coita, o desgusto, a dó, a mágoa, a tristura, a amargura, o desconsolo invádennos. Fóisenos Pablo, Pablo Mougán. Cantas horas, cantas risas, cantos bos momentos, e tamén algunha vez malos, claro, canto temos compartido. Vós non sabedes, pero contámosvolo agora: hai anos, cando nos xuntabamos para a mesa de redacción, viviamos nunha casa que tiña un forno moi velliño; sempre faciamos un doce de iogur e sempre se queimaba, non había maneira! Se non se queimaba, estaba cru polo medio. E Pablo púxolle “africano”; en mesas posteriores valorou que aquel nome non resultaba moi comercial e rebautizouno, púxolle “negrito”, e negrito lle quedou para sempre! Hoxe foi domingo e na nosa casa aínda comemos negrito de postre… A ver quen nos vende o medallón da Romaxe para o ano. Pablo, dóenos a ausencia que deixas nas nosas vidas, estarás con nós sempre.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s