Con todas; en proceso; en camiño


Daniel López

A propaganda éche o que ten. Pon en evidencia a quen a emite, se non se ten a empatía necesaria para conectar, nin a capacidade de autocrítica para facer a mensaxe oportuna, fiable e sensata.

O cartel está na parada do bus do meu barrio. E hai quen se malicia. Sabedoría popular: “A modo!, antes de fardar cómpre traballar”. Traballo en silencio, feitos para desmentir as obxeccións que saen das tripas de moitos dos que collen o bus, deles e delas. 

A “Iglesia” está con todos? Ah, por fin? Pero, daquela…

Xa está logo cos nenos e nenas con discapacidade intelectual aos que algún crego negou a comuñón? Pasamos a páxina das aventuras exemplares dos aduaneiros de sacramentos?

Imos máis atrás? Xa está a “Iglesia española” reconciliada coas familias dos axustizados durante o franquismo, precisamente porque algún crego –que ignominia máis normal!- informaba da xente de esquerda que había que eliminar? Xa non se limita ese “todos” aos de sempre? Seguro?

Dáse por superado o asunto escabroso dos adultos de hoxe que onte foron infantes abusados? Están nese todos? …E como están?

Que hai das todas? Que hai da culpabilización no confesionario, no escarvar morboso nos detalles, no consello de aturar o maltrato? Dáme que as todas están menos no todos que o resto todo.

Xa está “la Iglesia” cabo de quen atravesou o deserto dun divorcio e puido reconstruír a súa vida? Está “la Iglesia” coas persoas non heterosexuais, pero que queren unha vida en común, unha nova forma de familia? Será que se fala só de todos os decentes? Quen define decente?

Está logo “ la Iglesia” cos e coas que constrúen unha Igrexa galega? Cos cregos cuestionados, coas comunidades censuradas? Xa está, don Julián? Así de doado? Por que, por norma, por costume, a Igrexa é sempre e só Iglesia?

Tamén está “la Iglesia”cos mozos e mozas que xa non cren no incrible, no irrelevante, nese patético imaxinario medieval do integrismo teolóxico-dogmático? Está “la Iglesia” en diálogo aberto e con compromiso compartido a pé de rúa con todas as mulleres e homes non crentes que procuran a honestidade, a xustiza e a igualdade? Ou só con todos os nosos. Quen define nosos?

Mellor calar, demostrar que o cambio vai en serio e despois falar baixiño. Pero se, con todo, hai que “comunicar”, mellor propoñer humildemente unha tarefa. Algo así: unha Igrexa que cambia para camiñar con todas e con todos.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s