CONVERSANDO CON DONATELLA PARISI, RESPONSABLE DE COMUNICACIÓN DO CENTRO ASTALLI.


Xabi Blanco.

foto 1Nos anos 90, cando estudaba Pastoral Xuvenil e Catequética na universidade salesiana de Roma, tiven a sorte de animar un grupo de confirmación na parroquia salesiana de Santa Maria della Speranza. Naquel grupo de mozos e mozas de entre 16 e 18 anos, atopeime cunha rapaza cunha moi rica sensibilidade relixiosa e, polo tanto, tamén social. Pasaron os anos e mesmo tiven a fortuna de presidir a celebración da súa voda. Seguiron pasando os anos e hai uns días atopei nunha fotografía a Donatella conversando co papa Francisco cando este visitou o Centro Astalli. Daquela, dixen: voulle presentar aos lectores e lectoras de Irimia á tal Donatella, e púxenme en contacto con ela e, dese contacto, xurdiu esta entrevista.

Cóntanos brevemente quen es, cal é o teu papel no centro Astalli.

 Chámome Donatella Parisi, teño 37 anos, dende hai máis de dez anos traballo no Centro Astalli coma responsable de Comunicación. Comecei a interesarme polos dereitos humanos e pola situación das persoas refuxiadas dende os meus estudos universitarios de Xurisprudencia. Tras licenciarme fixen viaxes de cooperación ao desenvolvemento a Nicaragua, Guatemala e o Salvador coa organización VIS, unha ONG dos salesianos. Esta experiencia confirmou definitivamente a miña motivación a realizarme profesionalmente neste campo. Hoxe son esposa e nai de dúas criaturas que viven indirectamente o meu traballo que, tantos anos despois, ségueme apaixonando e axúdame a intentar Visita del Santo Padre Francesco al Centro Astalliser boa persoa.

Preséntanos o centro Astalli: qué é, como xurdiu, a quen atende, que tarefas levades a cabo.

 O Centro Astalli é a sede italiana do Servizo de Xesuítas para os Refuxiados-JRS. Dende hai máis de trinta anos leva a cabo numerosas actividades e servizos que teñen por obxectivo acompañar, servir e defender os dereitos de quen chega a Italia fuxindo de guerras, da violencia, de torturas. O Centro Astalli traballa tamén por dar a coñecer á opinión pública quen son as persoas refuxiadas, a súa historia e os motivos que as traen onda nós.

 O Centro Astalli iniciou as súas actividades no 1981 na sede de vía degli Astalli en Roma, acollendo a chamada do Padre Arrupe, Prepósito Xeral da Compañía de Xesús: no outono do 1980, profundamente conmovido pola traxedia de milleiros de “boat people” vietnamitas que fuxían do seu país devastado pola guerra, Arrupe exortou os xesuítas de todo o mundo a “levar cando menos un pouco de consolo” nesta situación tan tráxica. E desa chamada nace o Servizo de Xesuítas para os Refuxiados- JRS

 O acompañamento das persoas refuxiadas e o compartir as súas experiencias é o núcleo do Centro Astalli: dende unha primeira acollida para os que acaban de chegar a Italia ata actividades de sensibilización, de asesoramento xurídico, pasando tamén pola mobilización que ten coma obxectivo modificar as políticas inxustas a nivel local, nacional e internacional.

 Con respecto aos primeiros anos de actividade, o Centro Astalli ampliou e diversificou os servizos, as ofertas grazas ao compromiso constante de máis de 450 voluntarios. En total, tendo en conta as súas diversas sedes en territorio italiano, o Centro atende nun ano arredor de 34.300 persoas inmigrantes forzosas, das cales 21.000 son atendidas na nosa sede de Roma.

Visita del Santo Padre Francesco al Centro Astalli

O día 10 de setembro o papa Francisco visitou o voso Centro. Que significou para vós esta visita?

 A segunda etapa da súa viaxe ás periferias, tras a primeira en Lampedusa, quixo facela o papa Francisco ao Centro Astalli.

 Esta visita ten centos de significados. Para quen, como é o meu caso, a vivimos en primeira persoa, salientamos sobre todo a forza liberadora e curadora do encontro. Papa Francesco encontrouse coas persoas refuxiadas, abrazounas, escoitounas, mesmo rezou con elas.

 Devolveulle a homes e mulleres probadas no corpo e no espírito a dignidade perdida. Por un momento, a mesa dos refuxiados, un lugar sinxelo e humilde, converteuse no lugar para o que todos miraban, no que todos querían estar.

 Unha inmensa gratitude a Francisco por ter estado, por ternos chamado por teléfono: “Son papa Francisco, saudade a todas as persoas refuxiadas. Pronto irei estar con vós”. E mantivo a súa palabra, e converteu en ledicia a vida das persoas refuxiadas, das persoas voluntarias e das traballadoras do Centro.

 El amosounos unha vez máis o significado profundo de xestos ben simples: chocar unha man, abrazar, beber mate sentado en círculo coas persoas refuxiadas. Escoitar, falar, acoller a dor facéndose cargo, coller centos de cartas, amosarse en todo momento natural, dispoñible, xeneroso. Regalouse para persoas que da vida recibiron de todo menos, precisamente, regalos.

 Quedamos impresionados pola forza da súa palabra, porque simplicidade non quer dicir debilidade. Falou de acollida, de dignidade, clamou en favor da xustiza e da solidariedade. Cada unha das súas palabras viña chea de significado. O seu clamor chegou a todo o mundo. E rematou cun “monito” á súa propia Igrexa: “Abramos as portas aos refuxiados. Escapemos da mundanidade e da riqueza, acollamos a carne de Cristo que son os refuxiados!”

A súa presenza foi unha festa, un regalo que nos incita a poñernos cada día cunha meirande paixón e dedicación ao servizo das persoas refuxiadas.

– Cal é a vosa postura ante o acontecido en foto 3Lampedusa? Por onde poderían ir as solucións?

 “Nunca máis un morto no Mediterráneo!”. Velaí o clamor do papa Francisco en Lampedusa. Ese clamor debería converterse nunha prioridade para as institucións europeas e nacionais.

 O goberno italiano debería pedir inmediatamente á comisión europea a activación de canles humanitarias seguras que garantan ás vítimas de guerras e conflitos a protección internacional.

 Asegurar o dereito de asilo hoxe quere dicir permitir os prófugos e inmigrantes forzosos chegar seguros sen ter que arriscar a propia vida nin ter que poñela nas mans de traficantes e criminais.

 Resulta inaceptable e vergoñento que no 2013 no Mar Mediterráneo naveguen embarcacións case de xoguete levando a bordo 500 persoas e coa nosa total indiferenza.

Expresar un pésame cordial non abonda, non exime da culpa e da responsabilidade. Debemos acollelos cando están vivos, senón seremos tan culpables como os que organizan tráfico de seres humanos.

 As institucións europeas e nacionais deben intervir de inmediato para garantir o exercicio do dereito de asilo seguro.

 De xeito particular pedimos que se valore con moita seriedade a posibilidade de que o programa Frontex sexa investido da responsabilidade de monitorizar e acompañar dando protección aos inmigrantes forzados a fuxir das guerras e persecucións e que deste xeito quede garantido en todo momento o dereito a pedir asilo en Europa. 

Moitas grazas, Donatella, vexo que mantés a paixón por Deus e polos seus Fillos e Fillas que xa cultivabas nos teus tempos máis mozos.

 Moitas grazas a ti e a tantas outras persoas que naqueles tempos me aprenderon que a causa de Xesús pagaba a pena e enchía a existencia de Vida!!

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s