XXVIII Foro de Encrucillada: “A cuestión de Deus”


Foto 2 (1) Xosé Manuel Caamaño López

O pasado sábado día 26 de outubro celebrouse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela o XXVIII Foro Relixión e Cultura en Galicia organizado pola Asociación Encrucillada e que estivo dedicado ao tema “A cuestión de Deus”. Sen dúbida, trátase dunha pregunta que sempre tivo moitas respostas pero que, como ocorre sempre que tratamos de Deus, nunca deixan de ser provisionais, de xeito que se trata dunha cuestión que sempre acompaña dun ou doutro xeito a condición humana, aínda que emerxa de maneiras distintas ou adquirindo fórmulas ben diferentes. En calquera caso, parece que sempre segue a ser unha preocupación constante máis aló das respostas que cada quen lle dea e por iso mesmo Encrucillada decidiu que era un tema oportuno para dedicarlle unha serena reflexión.

O foro comezou coa presentación de Carme Solloso, que, desde a súa propia experiencia de Deus e recollendo algúns dos aportes da teoloxía actual, conseguía que os asistentes se metesen desde o comezo nesa atmosfera de confianza pero tamén de dúbida que sempre provoca nos crentes a cuestión de Deus. As súas palabras serviron como introdución tanto ao tema tratado coma ás tres conferencias que logo se desenvolveron.

A cuestión de Deus na nosa cultura

A primeira delas estivo a cargo de Alfonso Novo Cid-Fuentes, profesor de teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán e, segundo o seu presentador, Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos máis agudos do panorama actual en Galicia e aínda fora dela. Con mestría e dominio da cuestión, o profesor Novo analizou a presenza de Deus na cultura actual, especialmente no ámbito de internet, que dalgún xeito é tamén un reflexo do que ocorre na sociedade. Porén, tan só aludiu brevemente os ámbitos da literatura e das artes cinematográficas. Hai que destacar que, a pesar do tratamento tan serio do tema, o conferenciante conseguía manter a atención engadindo algunhas notas de humor que se agradecen na primeira hora da mañá.

A cuestión de Deus en Panikkar

O segundo relatorio estivo a cargo de Victorino Pérez Prieto, teólogo galego de sobra coñecido tanto en Encrucillada coma en Irimia. A súa exposición versou sobre a cuestión de Deus, ou mellor, a cuestión da divindade (como el mesmo subliñou) en Raimon Panikkar. Na súa exposición, Victorino, probablemente un dos mellores estudosos da súa obra, foi clarificando os aportes más orixinarios e orixinais do xa falecido teólogo catalán de ascendencia hindú, especialmente na súa concepción da Trindade, facendo para nós unha recuperación actualizada dos conceptos tradicionais das disputas trinitarias que así chegan a ser máis comprensibles a través dun verdadeiro diálogo interrelixioso e cultural, especialmente entre oriente e occidente. O empeño de Panikkar é pensar a Deus máis aló de Deus, é dicir, sen enclaustralo en conceptos sempre imperfectos ou en formas de dualidade.

A cuestión de Deus na teoloxía actual

E a terceira das conferencias estivo a cargo de Pedro Castelao, profesor de teoloxía sistemática na Universidade Pontifica Comillas de Madrid e director da revista Encrucillada. A súa intervención versou sobre Deus na teoloxía, ou mellor, sobre a presenza e ausencia de Deus no mundo. En realidade, o profesor Castelao fixo una elaboración teolóxica seria e profunda sobre a posibilidade de pensar a Deus evitando tanto as formas trascendentalistas como as inmanentistas, de xeito que, mantendo a distancia infinita entre Deus e a creación, así como a súa inmanencia no conxunto do creado, se poida seguir falando, porén, dos atributos de Deus (omnipresencia, eternidade…), da súa presenza no mundo e da relación de alteridade entre El e as criaturas. Ao mesmo tempo non deixou de insinuar algunhas consecuencias soteriolóxicas acerca da permanencia da identidade humana na eternidade de Deus, así como as súas reticencias contra as teorías da non dualidade.

Presentacións, encontro e celebración

Entre as tres conferencias tivemos tamén, tralo xantar, a presentación de catro libros. Elvira Santos Pena presentou As mulleres falamos de teoloxía, editado pola Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria; Xosé Manuel Pensado fixo o propio con  Unha alborada nova. Bernardo García Cendán, a última monografía de Encrucillada, María Xosé Cancelo tróuxonos Los salmos hoy, versión castelá do último libro de Manuel Regal Ledo, e Silvestre Gómez Xurxo mostrounos Novo Testamento para Nenos, editado por SEPT

Pero ademais da profundidade das conferencias e presentacións de libros, o foro foi tamén un bo lugar de encontro e celebración. Antes do xantar houbo un tempo para o silencio, axudados pola agudeza pastoral e dinámica de Víctor Naveira, que tentou poñernos en contacto persoal e directo co único Deus ao que lle cantamos Shemá Israel. Coa súa presenza, Víctor trouxo ao foro un anaco de Raíña, un espazo de oración e silencio na parroquia de Cabrui, no concello de Curtis.  Pechou o foro a música relixiosa de Xaquín R. Pomares. O músico de Cambados agasallounos coas súas intuicións relixiosas feitas canción.

Sen dúbida, foi un foro ben interesante, con gran calidade e fondura sobre unha cuestión que probablemente nunca deixará de sela: a cuestión de Deus. Os relatorios van ser publicados en decembro no próximo número de Encrucillada, o nº 185.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s