Fondos de pensións privados: a salvación individual non é posible


Pedro Pedrouzo Devesa

Os fondos de pensión privados volven a estar de moda. Unha vez descuberta e sufrida a grande estafa das preferentes e subordinadas, o seguinte caramelo envelenado que nos prepara o sistema financeiro é o dos fondos de pensión privados.

Realmente é un caramelo que ten máis trienios que o das preferentes, pero ao que periodicamente se lle engaden condimentos novos para facelo máis apetecible.

Cando a cociña especulativa non dá para máis, os fondos utilizan a tradicional receita de desacreditar o competidor: as pensións públicas. A mesma estratexia que pode utilizar un seguidor de fútbol que se centra nas miserias do adversario para esquecer os fracasos propios. Pero funciona, e por iso se segue utilizando.

Despois de roubarnos a todos (porque o roubo das preferentes non só afectou aos depositarios, se non tamén a sociedade que perdeu a opción de financiar os seus proxectos con cargo a uns aforros que voaron do país), o sistema financeiro leva presionando insistentemente aos xestores das pensións públicas (os políticos), mostrando unha crítica lucidez analítica con elas da que careceron para avaliar o risco das preferentes.

Este fenómeno coñécese popularmente como birollismo especulativo, e consiste en difundir as supostas cen mil razóns que avalan a incapacidade financeira dos estados que se nutren anualmente dos impostos dos seus cidadáns, fronte ás cen mil que salientan a formidable e louzá saúde dos fondos financeiros, que necesitan seducir os seus clientes con fantásticos beneficios para absorber os aforros dos cidadáns, e así cultivar e estercar diariamente os movementos especulativos máis dispares.

Os fondos de pensións privados funcionan de xeito parecido ás preferentes. Nos anos en que os depositarios son máis que os beneficiarios, a cousa marcha formidablemente. Pero que pasará cando comece a xubilarse de forma masiva a xeración á que máis se lle vendeu as bonanzas deles? Terán fondos para pagar esas pensións?

É impresionante que nos razoen que a Seguridade Social e o Estado pode crebar por culpa das pensións e ao mesmo tempo nos garantan que os fondos de pensións xestionados polos mesmos artistas das preferentes son seguros sen dúbida ningunha.

Porque os fondos de pensións son empresas que se dedican basicamente a especular cos fondos que reciben para obter ganancias que permitan cubrir primeiro os gastos dos seus xestores e logo repartir os beneficios en forma de pensións cando os seus beneficiarios comecen a xubilarse.

No tema das pensións, como nalgún outro non existe a salvación individual. Ou garantimos un sistema público e suficiente que cubra as necesidades económicas dos nosos maiores cando deixan o mercado laboral sen que teñan que arriscar os seus aforros na ruleta financeira dos plans de pensións privados, ou nos espera outra desagradable sorpresa.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s