ACTO DE HOMENAXE E DIGNIFICACIÓN DAS VÍTIMAS DO FRANQUISMO


IMG_3384.redimensionado

Manolo Regal

MONTECUBEIRO – CASTRO VERDE

O domingo 13 de outubro fomos convocados pola Iniciativa Galega pola Memoria a celebrar en Montecubeiro, Castroverde, un acto de homenaxe ás vítimas do franquismo nas persoas de 11 labregos, tres labregas e un mestre que no verán do 1937 foron asasinados sen máis delicto ca o de ser xente do campo, amante de romper coas redes caciquís e de mellorar as súas condicións de vida labrega. Tivemos a amarga e leda sorte de poder asistir a este acto. Velaquí un breve apuntamento do vivido ese día.

As palabras caladas

As terras e parroquias de Castro Verde fan honor ao nome da capitalidade do Concello: unha sucesión continua de pequenos castros, acompañados por pequenas valgadas, sucadas por humildes augas de fartura, vanse sucedendo en plenitude de verde ata compoñer unha estampa preciosa, vitalista, cun toque sutil de dúbida e de misterio. Terras vivas tripadas na preguerra por xente viva, que as soñaba aínda máis vizosas, coma espazo de comunidades rurais cobizosas de progreso e de dignificación.

Xentes que en horas felices primeiro e en horas amargas despois andaron os mesmos camiños que nós hoxe andamos, que contemplaron o maxestoso castiñeiro que atopamos á dereita da estrada a poucos quilómetros de Castroverde para ampararse á súa sombra fraterna; homes e mulleres que saudaron máis adiante, no silencio ou na palabra, en horas de risas ou de bágoas, o espido e rústico cruceiro de Cugula, que sinala a pista que nos ha levar á parroquia de IMG_0001Montecubeiro.

Chegamos e batemos de fronte co monolito no que desde o 2003 están gravados os nomes dos veciños e veciñas asasinados brutalmente naquel verán do 37. O corpo e a alma revolvéronse dentro de nós á  medida daquel misterio de fantasía e de barbarie do que iamos tomando conciencia. E empezamos a ler os nomes: Manuel López,  Antonio Pereira… e así ata completar os once labregos, tres labregas (Virxinia, Carme e Manuela) e un mestre insigne, Arximiro Rico Trabada. Quixemos saber das razóns da súa morte: pois nada, que con mentalidade anticaciquil lles dera por organizar unha “Unión de labradores” en Montecubeiro, para mellorar as condicións de vida e de traballo da veciñanza, e mesmo crearan unha biblioteca ambulante, que en carro de vacas lles ofrecía aos veciños e veciñas cada certo tempo libro para formación e divertimento. O mestre Arximiro, que o fóra en terras da próxima Baleira, era o prototipo de mestre republicano, entregado ata o extremo ao seu labor, que a maiores creara tamén unha compañía de teatro ambulante, coa que de parroquia en parroquia, en tempos de dedicación gratuíta, ía axudando a temperar os traballos da vida con encontros veciñais festivos e sempre proveitosos. Cousas serias, moi serias, como se ve, para quen queira conservar señoríos e sometementos. E, para máis INRI, foi un antigo crego da mesma parroquia de Montecubeiro, o que no verán do 37, convertido en capelán castrense, tivo a fanática e triste honra de dar a lista de fregueses, por el ben coñecidos, que había que desaparecer. A terra que estabamos ollando, ulindo, tripando, gozando, chorando, era sen dúbida terra mártir, terra sagrada, e coma tal había andar por ela deste momento en diante.

A mañá era unha mañá fría, dun outono desacougante, como desacougante era boa parte do que os nosos ollos ían esculcando con curiosidade. Case todo o contorno do adro, onde se ía desenvolver a celebración sabía a vello e mesmo a abandono: o vello cruceiro, a vella igrexa que aínda conserva preciosos canzorros na ábsida IMGrománica, co elegante pórtico da fachada leste, o ruinoso convento de dominicos, posible herdanza dalgún mosteiro menor abandonado na exclaustración do 1835, o vello portalón de acceso ao convento coa súa graciosa aldraba e picaporte con figuras de cans, a casa arruinada do boticario ao leste, algunha casa máis de vella feitura, arruinada tamén… Lido o libro de Xosé Manuel Sarille, Polos fillos dos fillos, descendente dalgún dos asasinados, sabiamos de sobra que cada un destes lugares tiña moreas e moreas de palabras que nos contar; palabras de vida e morte, de sangue e bágoas, de soños e derrotas, e, en silencio, deixamos que falasen dentro de nós, que nos petasen no corazón, na alma, na vida. Ai, Montecubeiro, Montecubeiro!

As palabras faladas

E no seu momento empezou o acto de homenaxe, agradecemento, desagravio e dignificación da memoria destes 15 mártires civís, nos que todos, todas, adiviñabamos os rostros dos miles de homes e mulleres que por Galicia adiante, por España adiante sufriron represión e morte por parte dos vencedores daquela guerra tola, inxusta, fratricida. (Tamén sabemos, tamén, dos outros miles que padeceron semellante barbarie do lado dos perdedores, e ata eles chega igualmente a nosa homenaxe). Despois de termos escoitado o son harmonioso e festeiro dun grupo de gaiteiros (os mortos eran semente de vida e, polo tanto, de alegría!), as palabras foron xurdindo xustas, comedidas, urxentes, esixentes, demandantes, reconciliadoras, segundo os casos, por parte das persoas que se foron achegando ao atril da palabra, ao que tamén se quixo sumar Mercedes Peón cos seus berros secos, clamores de xustiza e dignidade, que se espallaron coma arco da vella pacificador pola contorna da parroquia.

E falou Xosé Manuel Arias, alcalde de Castroverde, con palabra curta e sinxela; e falou Mario Outeiro, da área de cultura da Deputación de Lugo, con palabra incisivamente serea, o mesmo que o Presidente da mesma Deputación Xosé Ramón Gómez Besteiro; falou tamén con palabra ardente e versos de conmoción Claudio Rodríguez Fer, en representación da Iniciativa Galega pola Memoria; e tamén Xosé Manuel Sarille, descendente dun paseado e autor do citado libro que IMG_3426.redimensionadonovela o acontecido, con palabra urxente de reconciliación traballada; tamén quixo sumar a súa voz de paz Manuel Dios Diz presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, e pechou a palabra, neste caso por teléfono substituíndo á forza unha presenza anunciada, Federico Mayor Zaragoza, Presidente da Fundación Cultura e Paz.

Demandouse a derrogación da Lei de amnistía do ano 1977, solicitouse a creación dunha comisión para a verdade, que permitise aclarar todo o acontecido, como se fai en casos similares en todo o mundo, solicitouse tamén que fose considerado delito todo enxalzamento franquista como fascismo que foi, e esixíuselle ao PP que empezase a ter tolerancia cero cos seus militantes que ultimamente repiten acó e acolá palabras e xestos de admiración e adhesión ao réxime ditatorial que está detrás das mortes que hoxe aquí conmemoramos.

E falamos todos co noso aplauso, co noso asentimento, co noso corazón ferido, coas nosas ansias de liberdade, de xustiza, de paz, co noso compromiso polas mesmas causas que levaran á morte a aqueles paisanos e paisanas nosas.

As palabras agardadas

E mentres nós celebrabamos en Montecubeiro a Igrexa católica celebraba tamén en Tarragona os méritos de 522 mártires relixiosos. Tiveron palabras abondosas, solemnes, para mostrarlles un recoñecemento merecido. Pero non tiña que estar tamén a Igrexa en Montecubeiro dicindo algo? Non fora un crego o que compuxera a lista de morte e dor? Non había algo que aclarar, algo que recoñecer, algo que lamentar diante dos veciños e veciñas de Montecubeiro, diante dos miles de homes e mulleres paseados por Galicia adiante?

Da Igrexa gustaríanos escoitar cousas como:

–Perdón pola vinculación maioritaria da Igrexa co poder desde os tempos de Constantino, hai 1.700 anos, cousa que moito nos foi pechando os ollos e trabando as mans ante todo o que soase a cambio, a innovación, a superación dos esquemas vellos que amparaban tamén o noso poder. Foi ben difícil que a xente non nos vise sempre do lado dos reaccionarios.

–Perdón pola nosa torpeza á hora de secundar maioritariamente, a cegas, a causa franquista, dándolle cobertura ideolóxica, relixiosa, teolóxica, facendo a Deus mesmo cómplice de tanta barbarie.

–Perdón por ter ensombrecido o nome e a vida de Cristo, que, de axustizado el e morto en cruz por defender vidas e liberdades, acabámolo arrimando aos verdugos e non ás vítimas.

–Perdón por non ter apreciado e potenciado como valores do Reino moitos dos afáns de xente normal coma estes veciños e veciñas de Montecubeiro que buscaban vida e dignidade.

–Perdón por non ter pedido perdón ata o momento presente, e por non ter o xesto profético de buscar, traballar, convocar e celebrar unha homenaxe conxunta a todas as vítimas, con espírito penitente, reconciliador, para reparar e dignificar a todas as persoas que sufriron inocentemente, e neles as súas familias e descendentes.

Aquel 13 de outubro, en Montecubeiro, douscentos ou trescentos homes e mulleres abrían a memoria, o corazón, as entrañas, para acoller a semente de vida nova regada en sangue. E Deus declarábaos santos e santas. Mártires labregos de Montecubeiro, rogade por nós!

 —

Este é un dos poemas que recitou Rodríguez Fer na súa intervención:

PAZ PARA SEMPRE (Claudio Rodríguez Fer)

Perseguíronos con saña.

Detivéronos con sevicia.

Torturáronos con sadismo.

Encarceráronos sen causa.

Xulgáronos sen xustiza.

Paseáronos sen piedade.

Así  os mataron.

E impuxeron o terror.

E impuxeron a calumnia.

E impuxeron a falsificación.

E impuxeron a censura.

E impuxeron o silencio.

E impuxeron o esquecemento.

E así  trataron de rematalos.

Contra o exterminio atroz

das súas vidas desfeitas

e contra o esquecemento inxusto

do silencio cómplice

queremos manter viva para sempre

a memoria galega

das vítimas do fascismo

en solidariedade

con todas as comunidades do mundo

que padecesen calquera ditadura do terror.

Porque como aquelas vítimas

queremos liberdade para sempre.

Porque por aquelas vítimas

para sempre queremos xustiza.

Porque a realidade é o desexo,

PAZ PARA SEMPRE.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s