Xoguemos ao xogo das boas novas


Daniel López

A paralización da mina de Corcoesto, por exemplo.
Si, a paralización, de seu, ten xa un enorme valor. Aparcar un proxecto de mina descomunal, a ceo aberto, feito para captar cantidades relativamente pequenas de mineral a cambio de xigantescas moreas de refugallo e de contaminar de cianuro e arsénico o río Anllóns e os acuíferos da zona. Así, por séculos. Si, desta volta os que veñan detrás van podernos mirar con benevolencia.
Pero o mellor da noticia é que, por máis que se queira disimular, é un triunfo dunha mobilización comunitaria, unitaria e intelixente. Aí temos un magnífico exemplo de unidade na acción de asociacións, grupos diversos, artistas, xente multicolor, organizacións políticas e sindicais e a comunidade científica. E a figura singular dun home singular, Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, unha formiga resistente, biólogo investigador. Un tipo serio. El sintetiza o mellor dese movemento: presente nas manifestacións, por suposto, pero incansable na preparación de informes científicos, horas de traballo, de estudio e dedicación, promotor na internet (Change.org) dunha campaña de sinaturas con apoios en todo o planeta. O seu esforzo puxo en evidencia a Declaración de Impacto Ambiental pola que se dera en principio luz verde ao proxecto. O seu papel simboliza esa síntese necesaria entre resistencia e traballo rigoroso. Unha boa lección.
Tamén é boa noticia que un deputado non teña problema en abandonar o escano para progresar na súa carreira investigadora. Alguén, bravo!, que non fai do seu escano o salvavidas persoal. Que quere ter algo propio co que gañar o pan e a vida. Que teña a convicción de que está aí de paso, de servizo.
Non abunda esa especie. Efectivamente a nosa desgraza é unha tropa de cargos, cargas e carguiños que non teñen oficio nin beneficio, que nunca foron quen de desenvolverse profesionalmente, nin na pública nin na privada, que están aí polo servilismo acreditado, de cachorros xuvenís a políticos profesionais. Que tanto ten se entenden como que non, total para que? Que non pasarían un exame de redacción sinxela.Que eran ninis antes de aspirantes a alto cargo con carné. Que teñen pánico a ter un criterio persoal, a arriscar e tirar do país, por se desafinan, por se os cesan, que hai moito paro e moita hipoteca. Hai ben deles. E hai ben delas.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s