II Homenaxe aos Cristiáns comprometidos con Galiza na Eira de Xoana: Leopoldo López Rego


28092013211.redimensionadoO pasado sábado 28 de setembro foi a II Homenaxe aos Cristiáns e Cristiás comprometidas co país, na Eira da Xoana, na “República ecolóxica do alto Ulla” (entre Melide a A Golada), organizada por ADEGA. A primeira homenaxe fora o pasado ano en “recoñecemento do labor, entrega e sacrificio dos cristiáns e cristiás que se situaron a carón do pobo para organizar a súa defensa e a defensa da Terra que os sustenta”, con palabras de Pepe Salvadores (Irimia, nº 860, Agosto 2012). 

Esta é unha segunda edición

Efectivamente, na edición do ano pasado participaron diversos grupos cristiáns comprometidos con Galiza: Irmandade Moncho Valcarce, Irimia, Encrucillada, Xermolos, Coordenadora de Cristiáns Galegos, Encontros-Foro de Curas Galegos bispo Araúxo, Comunidade Home Novo, Mulleres Cristiás Galegas, Federación de Centros xuvenís Don Bosco de Galicia, Comunidades Rurais de relixiosas e Monxes do mosteiro de Sobrado.

As súas intervencións foron recollidas nun CD que se pode pedir a ADEGA. O lema da placa do monolito chantado alí en homenaxe a eles dicía: “En recoñecemento a tódalas persoas e comunidades cristiás: leigas e leigos, cregos, monxas, frades e monxes, que ao longo da nosa historia, honraron á Terra nai, unindo cristianismo e galeguidade”.

A edición deste ano foi dedicada a Leopoldo López Rego, cura, avogado e sindicalista comprometido cos labregos. Contamos coa participación de Pepe Salvadores, Gumersindo Campaña, Macías López (fillo de Leopoldo) e Mª Xosé Rego (viúva), o P. Rosendo (pasionista), e varios testemuños de vellos amigos e alumnos, como Gino, Mingos, Alberte Ansede, etc. Traemos aquí as palabras que dixo o seu compañeiro e cura rural Gumersindo Campaña Ferro.

Leopoldo, un crego comprometido coa causa labrega

 Leopoldo López Rego é un dos imprescindibles para este país, a carón de Moncho Valcarce, que foi cualificado por Manuel María, como “unha figura de primeira orde da auténtica Historia de Galiza da segunda metade do século XX”. A 28092013214.redimensionadoauténtica Historia de Galiza, que se di aquí é a que se constrúe desde abaixo, co pobo, non desde arriba. Para o caso, deberiamos ler o marabilloso conto de Leopoldo “Esplendor, danza e morte da baralla”.

En canto á amplitude de compromiso, quizais non houbera outro na Galiza, coma el. Houbo curas obreiros, e Leopoldo tamén o foi, traballando de peón. Pero, ademais, o seu compromiso amplíase a moitos campos: no mundo laboral, avogado desinteresado dos obreiros, militante… No mundo labrego, sobre todo como sindicalista de acción perdurable e loitador activo en tantas loitas dos labregos. Compromiso na política institucional,  como concelleiro, e militante na Unión do Pobo Galego. Compromiso cultural e educador da mocidade; forxador de militantes nacionalistas de cara a unha Terra de seu. Un compromiso: total e diversificado, un militante integral.

Ampliando o horizonte máis alá da súa persoa, o seu compañeiro nos pasionistas de Melide, Rosendo, presentou a Leopoldo como un adiantado ao seu tempo. El foi o precursor, foi quen de levar á práctica a nova reflexión teolóxica: a de integrar a vida de fe co compromiso político. Pero, para comprender debidamente a figura de Leopoldo, é preciso situala no seu contexto histórico: o dos anos 60-70, os últimos do franquismo e os da chamada transición política.

Ante a presenza dun sector de cregos, relixiosos, e relixiosas comprometidos na defensa dos intereses populares nos eido relixioso social ou político, pregúntanse algúns a que é debido este fenómeno. Cando, na outra banda, atópanse co sector maioritario da Igrexa, que, como di Francisco Carballo “é hoxe unha Igrexa opaca, que non transparenta a misión para a que foi creada”.

Nos anos 50 do pasado século, o clero na Galiza mantíñase como unha clase poderosa. Era esa a “longa noite de pedra” que viviu ou, mellor, sufriu Leopoldo: a época do Nacionalcatolicismo. Leopoldo foi ordenado cura no ano 1960, dous anos antes do Concilio Vaticano II. Coa chegada do Vaticano II, entra na Igrexa o aire fresco, e o status clerical perde a sua cohesión baixo a autoridade dos bispos, e tamén, os seus privilexios. Por esta fendedura aberta do clero penetran na sociedade galega unha serie de movementos; o máis importante, sen dúbida, o dos “europeos”, que aquí se coñece máis como “Coloquios de Parroquias” ou “Coloquio galego de cristiáns”.

Para moitos cregos da Galiza, os Coloquios foron un punto de reflexión colectiva a nivel teolóxico e social. Así mesmo, grazas aos Coloquios, tamén foi distribuida toda unha chea de “papeis” coma o “Manifesto da UPG aos cregos de Galicia”, e a declaración dos Cristiáns polo Socialismo (CpS). Neles integráronse tamén os leigos; e participaron neles políticos como: Ramón Piñeiro, Avelino Pousa Antelo, Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras… Unha das conclusións do último Coloquio (1977) dicía: “A coherencia  entre fe e a práctica política pasa por un  compromiso activo das clases traballadoras, que hoxe se concretan para nós, naquelas accións políticas que loitan polo socialismo”.

Ademais houbo unha minoría do clero que participou cun compromiso activo nas organizacións nacionalistas. Victorino Pérez, no seu libro Galegos e cristiánsrecolle o seu proceso político desde a fe, entre outros, de Moncho Valcarce, Francisco Carballo, Xosé Antón Iglesias…Tamén Leopoldo había figurar neste grupo.

Parémonos en Leopoldo López Rego, para preguntármonos sobre a súa fe e como desde ela realizou o seu compromiso político. Leopoldo era frade Pasionista; nel a relación da súa fe co compromiso político foi desde cedo. Temos a este respecto un testemuño seu na revista  Encrucillada, con ocasión das Eleccións Municipais do 1979, nas que resultou elixido concelleiro en Melide. Preguntado sobre os motivos de presentarse ás eleccións, Leopoldo fai primeiro esta declaración de principios: “A miña liña de comportamento dende fai anos baséase tanto na miña condición de home galego e home de fe, tratando que estes dous campos non se fagan antagónicos”. Logo di: “A motivación que resume e engloba todo, é unha “motivación ética”. Destas palabras collemos o texto para esta homenaxe.: “Sinto que a miña conciencia política e maila fe en Xesús de Nazaré non me permiten quedar á marxe deste pobo que debe ser el mesmo e ceibe”.

Fe e nacionalismo, unidas as dúas dimensións en simbiose. Como nacionalista amosa, neste escrito, nunha posición moi auténtica. A  visión dos concellos, “coveira da canalla” (Cabanillas) ou, “brazo estendido do Estado español para dominar e desgaleguizar a nosa nación”. El vai ao concello “para que non pise os nosos paisanos”. É crítico, tamén coa Igrexa Institución, e séntese na marxinación eclesial. Pero, respecto da súa Congregación, afirma sen complexos: “Son frade da Congregación da Pasión. É que o Cristo paciente e dorido anda canso polo mar, polo agro e polas fábricas da Nosa Terra”.

 

Éste era Leopoldo. Despois de esta profesión de fe, da fe de verdade, aínda o admiramos máis.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Crónica. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s