Meniños roubados


 

O dos meniños roubados nos hospitais é un tema perturbador. Seríao en calquera caso, pero aínda máis porque existe e sobrevoa sobre todo ese asunto un “factor relixioso”. Efectivamente, non é un feito casual que nos diferentes casos nos que se conseguiu avanzar na clarificación dos feitos acontecidos no seu momento, aparece, case que invariablemente, a figura dunha relixiosa, no medio do persoal implicado e mesmo imputado. E cando non é clara implicación, é fundada sospeita.

Agora que na cúspide da Igrexa romana se respira un aire máis limpo, agora que parece que comezou tamén unha certa limpeza de aire cara abaixo, chegará un momento no que alguén, investido coa debida “capacidade de representación”, terá que dicir unha palabra ao respecto.  Tomando unha expresión prestada de Francisco, tampouco neste asunto dos bebés, igual que nos casos que afectaron ás finanzas Vaticanas, as persoas coa condición de relixiosas que foron perseguidas pola xustiza, fórono por asemellarse á xa famosa beata Imelda. Hai delitos polo medio,  delitos que repugnan á opinión pública e a un elemental sentido da decencia e da compaixón.

A razón pola que esa manifestación de autoridade sería un alivio radica en que a condición de “persoas consagradas”  non parece ser unha circunstancia casual. Moi ao contrario, o grave do asunto é que aqueles roubos se deron nun contexto no que se usaba o factor relixioso como poder para xulgar, condenar e executar a sentenza. Nos casos que se foron coñecendo, esa intervención ilegal reforzouse ou lexitimouse “en nome da moral católica” ou algo semellante; polo ben “dos meniños roubados” que eran afastados de nais ou familias de conduta ou condición “catolicamente” reprobables.

O que cómpre, xa que logo, non é un acto ritual de desculpas por un feito puntual, senón un acto de contrición e disposición ao cambio, un propósito histórico da emenda: a fe católica non debe ser nunca empregada como instrumento de condena e castigo, como poder que distancia moralmente e oprime ao socioloxicamente pobre, ao moralmente distinto ou o presuntamente “indigno”,  senón, ben ao contrario, como camiño de aproximación, fonte de empatía, de achegamento, de abaixamento e inicio do percorrido compartido dun camiño –o da vida- que non é igual de doado para todas as persoas.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s