Agora que xa choveu, falemos do lume


DLM

No ano 90, no mes de abril, unha vez pasada a tremenda vaga de lumes do 89, Constantino Mariño, un dos compoñentes do colectivo “A Rella”, escribía na revista Irimia unha serie de catro artigos denominados “As coordenadas do lume”. Comentábanos estes días Antonio Oca Fernández -outro dos compoñentes do dito colectivo de colaboradores desta revista- ata que punto aqueles artigos daban no cravo naquela altura e, ademais, o que resulta abraiante, como o que alí se dicía segue a estar de absoluta actualidade. Conversamos logo devagar sobre este asunto con Antonio Oca Fernández, axente de extensión. E facémolo agora, unha vez que, pola bendita choiva, se acabaron as présas e as emerxencias.

Mariño insistía daquela en que a “loita verdadeiramente eficaz consistiría en dispoñer e usar medios e actividades preventivas, e non tanto medios de choque… que son moito máis caros e menos eficaces”. Estás de acordo?

Antonio Oca

Antonio Oca: Situémonos naquel curto tempo (1987/1989) que gobernou a Xunta aquela coalición de partidos – PSOE, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego. Neste tempo foi conselleiro de Agricultura, gandeiría e Montes, Francisco Sineiro. No verán de 1989 unha vaga de lumes, sen precedentes, levou máis de 150.000 hectáreas.

Despois, nas eleccións de decembro de 1989, o PP, liderado por Fraga, obtén a maioría absoluta por un diputado. Prodúcese o relevo na Consellaría de Agricultura na que Romay Becaría é o novo conselleiro e Nuñez Feijóo o Secretario Xeral. A súa primeira medida contra os incendios, foi triplicar a cifra orzamentaria destinada a extinción. Contrátanse, directamente pola Xunta ou subvencionando aos concellos, brigadas de “apaga lumes”; mércanse motobombas, desbrozadoras e palas mecánicas. Tamén se contratan avións e helicópteros especialmente preparados.

Queda claro que, das medidas preventivas que o compañeiro Mariño describía  en Irimia, na primavera de 1990, non se fixo nada polos sucesivos gobernos do PP. Cada vez máis gasto en extinción e menos na ordenación e usos do solo. Co diñeiro empregado este ano en tratar de apagar o lume de Velle (Ourense), poderíase mercar toda a superficie forestal queimada.

Mariño tiña moita razón cando dicía que: “se os medios empregados contra os lumes son exclusivamente de extinción sempre gañarán a batalla os lumes”.

El falaba daquela dunha “industria do lume”, en que sentido iso tería vixencia?

Moitos bautizamos, ao conxunto de medios humanos, mecánicos-terrestres e aéreos como a “industria do lume”. Nos últimos anos os cartos pagados, sobre todo ás empresas que achegan os medios aéreos, non deixan de incrementarse dunha forma alarmante. A vixencia dese concepto é total.

Como o seu nome indica esta “industria”, para que sexa sustentable, necesita de lumes que a alimenten. Non todos perdemos cos lumes forestais: algúns enchen os petos. Os demais perdemos a fertilidade do chan queimado, non só pola destrución de nutrientes que alimenten as plantas, senón, o que aínda é peor, pola erosión e perda de terra que fai aflorar as rochas sendo arrastrada ás rías e danando as explotacións de mariscos e peixes.

Agora van da man situacións máis extremas ca nequeles tempos, pois o abandono e o despoboamento rural agravouse. En que sentido poderiamos falar do monte coma unha oportunidade de fixación de poboación e creación de postos de traballo para xente, especialmente xente nova?

En Galiza aséntanse máis de 30.000 núcleos rurais, a metade dos do estado. Na tese de doutoramento do francés Abel Bouhier, “Galicia: Interpretación dun vello complexo agrario”, describíanos como se asentaban no territorio as casas de labranza destes núcleos. Ao redor das vivendas estaban as terras labradas, os prados e os pastos, que as separaban das terras incultas ou a monte. Ao producírense os grandes éxodos rurais, este cinto, que impedía que os lumes forestais fosen un perigo para as casas, desapareceu. O mato e as plantacións forestais chegan ata as fiestras das vivendas. Esta situación coido que, agás os lumes “escaparate”, explican o que me preguntas.

Na normativa lexislativa establecida en tempos de Suárez Canal, esixíaselles aos propietarios do monte ter limpo ou con plantacións de cadicifolias unha treita de 50 metros, ao redor das casas. A Xunta gobernada polo PP rebaixou esta distancia a 30 metros e, na práctica, non fai nada para que se cumpra.

A palabra “monte” ten un significado distinto en Galicia ca en Castela: aquí non ten por que ser superficie “inculta”. Temos os montes veciñais en man común, os nosos latifundios, que son máis de 3.000 e ocupan unha superficie de máis de 750.000 hectáreas. Por outra banda, hai máis 600.000 hectáreas de terras abandonadas, mentres que, a pesar de que pasamos das 350.000 explotacións do censo de 1960 ás 73.000 actuais, moita da base territorial das explotacións que pecharon, non pasou a incrementar a superficie das que se mantiñan activas. Moita dela está abandonada.

Temos moita superficie, que permitiría aumentar a Superficie Agrícola Útil (SAU) das explotacións en activo, para que este factor deixase de ser limitante na súa viabilidade económica. Mobilizando estas terras permitirían tamén asentar xente moza na actividade agraria.

Foi o do bipartito un intento serio de facer as cousas doutro xeito?

En primeiro lugar diría que a principal diferenza radica precisamente en crer que a aplicación dunha política forestal que ordene o territorio e poña en valor o monte e o medio rural en xeral, ten que ser o alicerce de calquera política contraincendios. A “non política forestal” leva á anárquica acumulación actual de combustible e o desligamento dos “mundos” agrario e forestal non fan senón incrementar o risco.

Na consellaría de Medio Rural de Suárez Canal apostouse pola profesionalización dos servizos de prevención e extinción, cunha posta a disposición do servizo da tecnoloxía –TIC- e os sistemas de información xeográfica e coa desvinculación do dispositivo dos poderes políticos locais, que nin forman, nin equipan, nin pagan convenientemente aos traballadores e poñen en cuestión permanentemente o principio de mando único cando non o torpedean directamente.

A nivel lexislativo, prohibíronse as plantacións forestais nas terras agrarias, fíxose un traballo inxente, que non se fixera nos 15 anos anteriores, coa publicación do Decreto 105/2006 e posteriormente a Lei 3/2007, de prevención de incendios, e da Orde de 13 de marzo de 2009 de aprobación de prevención de incendios nos distritos forestais.

E, como consecuencia do anterior impulsáronse as UXFOR, Unidades de Xestión Forestal, co obxectivo de facer xestión en común da propiedade forestal, o cal, unido á posta en marcha do Banco de Terras e do Contrato de Explotación Sustentable das terras agrarias, permitiu sentar as bases dunha futura ordenación do territorio rural que constituiría, sen dúbida, a mellor prevención contra incendios forestais.

A finais de 2008 estaban en marcha 12 UXFOR, nos 5 anos de goberno da Xunta do PP, despois de mudarlles o nome polo de SOFOR, non se constituíu ningunha. Tamén están hibernados o Banco de Terras e desde o 2011 pecháronse as solicitudes dos CES. Éche o que hai, pero non nos podemos conformar.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s