A gran familia de Robin Hood


Daniel López 

Que en plena crise medren os pobres… xa vale, … pero que se disparen os ricos, róncalle o nabo. Efectivamente algo pasa cando, en plena vaga de recortes, se producen eses fenómenos simultáneos. Pois si, no mesmo día, como quen di, os medios informan nunha páxina de que a pobreza severa se dispara e, dúas páxinas máis adiante, de que os millonarios, iso que chaman as grandes fortunas, aumentan.

Cando comezou a dereita a xestionar a crise fomos uns poucos os que apuntamos un feito que era bastante evidente: efectivamente baixaban os ingresos públicos, a capacidade de financiar vía impostos os servizos básicos. Pero o único que a dereita se empeñaba en traballarse –cepillarse- era o capítulo do gasto. Poñían o exemplo dunha familia: esa que non pode gastar máis do que ingresa sen meterse en créditos imposibles.

Pero as finanzas públicas non son exactamente unha familia: iso cheira a metáfora interesada. Non, o Estado é algo distinto. O do gasto é unha parte do conto. Pero hai máis. Os ingresos do Estado para asegurar a sanidade, a educación , os servizos sociais e a seguridade, fináncianse cos impostos que o propio Estado decide. O Estado social, ou o que quede del despois deste furacán, ten que ser unha enorme e bendita maquinaria de reparto, de redistribución, de minoración da desigualdade.  Un Robin Hood legal. Unha ferramenta de cohesión, de xustiza e paz social.

Se os ricos son máis e máis ricos e os pobres son moitos máis e moito máis pobres, o Estado non o está a facer ben. Pero o colmo é que nada menos que o Fondo Monetario Internacional, o defensor do enfraquecemento do Público, diga que o Estado Español tería aínda moito percorrido para subir os impostos dos máis ricos. Por que non a fai, logo? Ben o sabemos.

No fondo están os grandes debates que se nos furtan. As grandes cuestións: que sociedade queremos? Queremos realmente unha sociedade polarizada, que parcele, que segmente e exclúa? Non son, ao final, a igualación de rendas e de oportunidades, a cohesión e o acougo cidadán, a dignidade ben repartida, o apoio ao débil… non son acaso ese logros un beneficio para todos e todas, tamén para os que máis pagan? E xa postos, non pasa xustamente así nas familias solidarias, nas que funcionan, señores da dereita, tan amigos das metáforas?

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s