O que non ten cabeza… escusa sombreiro


Lidia e Valentina

Vaia, vaia, cantas veces nos custa arrincar coa lingua, que parece que non se dá empezado a escribir, que a ver de que falamos para non falar sempre do mesmo…e desta volta os trasnos solucionáronnos o problema… Si, porque non sabemos que pasou, non foi só unha gralla que leva a pensar “Vaia, que despiste!”. Non! Referímonos ao noso artigo do número anterior… Para comezar, o título desapareceu, e non tería pasado nada, porque outras veces ten ido sen el, pero é que o título enganchaba co pé de foto! E por riba de caldo…, sopas: o pé de foto foi mal escrito! Ten un espazo onde non é! O título era “Para carne, pan e viño…” e despois comezaba o artigo dicindo “El Carballiño…”, e o pé de foto debería dicir “E para polbo, tamén!”.

 

E os do Carballiño tamén pasaron quince días mal chamados: é carballiÑés el e carballiÑesa ela, con Ñ, e non con n, como se nos coou. Si é certo que tamén se pode falar dos e das carballiNenses.

 

En fin, así tamén repasamos… E, xa postas, e como daquela falabamos de artigos, houbo un detalle para o que non tivemos espazo o outro día. Referímonos á segunda forma do artigo, á  variante alomórfica -lo, -la, -los, -las (comer o pan /come-lo pan; ti comes a mazá /ti cóme-la mazá; véxoo todos os días/ tódolos días; fixémolo nós as dúas / nó-las dúas; ambos os dous / ámbolos dous son bos…). Queriamos dicirvos que aínda que na escrita se pode representar das dúas maneiras, na fala hai unha única pronunciación recomendable: a que reproduce a segunda forma. Isto vén a conto de que a nosa amiga Charo se queixou de que se estaba a perder esta pronuncia. E que o mesmo estaba a pasar en casos como “pan de onte” e “pan de hoxe”, que xa non se pronunciaba [pandonte] ou [pandoxe]… Efectivamente, en galego as palabras rematadas en -e perden na fala a vogal final cando van seguidas doutra palabra que comeza por vogal ou por h-. É unha pronuncia recomendable pero non obrigatoria.

 

A ver se desta volta os trasnos están a botar unha sesta ou nos dan unha tregua…

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

One Response to O que non ten cabeza… escusa sombreiro

  1. Xavier Nogueira di:

    O de “o que non ten cabeza…” faime lembrar o que repetía certo meu tío, nunha vsita á nosa terra, ao referirse a certos persoaxes coñecidos daquel país: “cabeza hueca, taller del diablo”. Que aplicaba tamén aquí, cando ollaba algo mal feito, ou mesmo unha obra faraónica sen moita utilidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s