A Romaxe corría présa (e case chegamos tarde)


Marisa de Corme

A esperanza corre présa e andaba algo perdida cando ía para a Romaxe. Sabía que nunha carballeira había tres milleiros de romeiros e romeiras esperando por ela, pero unha man negra arrancara as marcas do camiño, e houbo de dar voltas polo monte con medo a non chegar a tempo. Na súa busca, no medio do monte, cruzouse coa Madalena que lle preguntou: “Por onde se vai á Romaxe?” Non o teño moi claro, respondeu Esperanza. Levo tempo dando voltas na súa procura pero presinto que non está lonxe. Hai un bo feixe de xente seguíndome. Imos ir cara adiante, que de seguro atoparemos o camiño.

Presentación. O sitio e a acollida

This slideshow requires JavaScript.

E así foi. Nunha desas voltas a carballeira abriuse diante dos nosos ollos. Alí estaban xa o palco, a música,… e a xente, que ía chegando malia as dificultades. E houbo un bo vaso de viño do Ribeiro e un anaco de pan de Cea para quen chegaba. Estabamos no Carballiño, na XXXVI Romaxe de crentes galeg@s, en Santa Uxía de Lobás, ao pé da capela da Madalena.

No século XV, neste mesmo lugar, unha reforma bieita máis preocupada polo poder que polo ora et labora, levara por diante unha abadesa e a súa comunidade monástica para engordar os bens da inmensa abadía de San Paio de Antealtares, en Compostela. O 12 de setembro de 2013, na Romaxe de Crentes Galeg@s conxuramos á Esperanza para reafirmar as loitas das mulleres, aldraxadas e esquecidas ao longo da Historia, pero que seguen a transmitirnos a súa forza e coraxe.

Acolleunos o saúdo agarimoso de Pepe e Olga, confrades da Madalena, que nos recordaron que hai que seguir loitando, hoxe coma onte, contra quen quere abusar do seu poder e estragarnos a vida. Un retrouso musicado pola Quenlla serviunos de esconxuro para convocar á Esperanza e ao espírito das mulleres loitadoras:

Ninguén pode roubarnos a esperanza, esa estrela que nos ergue e nos axuda, esa luz que é o guieiro nesta noite, coa verdade, co fulgor do Sol e a Lúa!!

Nó. As tres Marías e Rosalía

Nestas estabamos cando se presentaron na Romaxe as nosas tres Marías: María Balteira, María Soliña e María Castaña. Apoiadas pola Esperanza foron quen de arrepoñerse ao pesimismo, que pretendía amolar as nosas ilusións. Esperanza animounos a levantarnos outra vez dende a dura derrota, e seguir loitando, e tróuxonos o recordo doutras moitas mulleres afoutadas, dende Exeria ou Pepa a Loba ata as irimegas Carme Puente, María Wirtz ou Herminia Éstoa. E que diriades!!! Na romaxe tamén estaba a nosa santiña, Rosalía de Castro, que saíu de entre a xente para falarnos da súa loita illada e silenciosa. Os seus versos foron a forza definitiva para acabar botando fóra das nosas vidas a Pesimismo.

O momento central da celebración vivímolo con Marta e María de Betania e María Madalena, que nos recordaron a figura de Xesús, o seu xeito de animar os corazóns, de amar e compartir. Madalena contounos do seu amor por Xesús, e desfixo os ruxe-ruxes que sobre ela inventaron as mentes monotemáticas, esas que ou ven sexo ou non ven nada (que habelas hainas, e moitas, tanto dentro como fóra da Igrexa). Madalena explicounos que o amor de Xesús non é exclusivo nin excluínte, e como ela mesma aprendeu a abrir o seu corazón e a amalo sen querelo exclusivamente para ela. Todos nos emocionamos cando, despois desta confesión, colleu o pan, partiuno e repetiu aquel xesto, tan sinxelo pero tan fondo: “tomade e comede, este é o meu corpo”.

Antón, un amigo ao que vexo de Romaxe en Romaxe, confesoume que non soubo en que momento da celebración notou que lle escorrían as báboas pola cara. E o peor é que mirou ao seu lado e tamén Valentín estaba emocionado…. É a maxia da Romaxe, o espírito de Xesús que nos enche o peito. Partir un anaco de pan nunca é igual e na Romaxe ten un sabor especial. É o pan que sacia a nosa fame e sede de amor e de xustiza!!.

E cantamos o Credo do noso recordado e benquerido Bernardo, e o Noso Pai que para a Romaxe escribiu Pepe Chao. Coma sempre, bailamos a Rumboia, dándonos a paz e berrando o noso himno Galego, conxurando para todas e todos ese fogar de Breogán, matria común.

O Berro Seco foi o noso empoderamento definitivo. En tres ondas expansivas fixemos chegar os ecos da romaxe a todas as mulleres e homes que na historia souberon loitar pola paz e a xustiza.

Sobre nó. Graciñas a todos e vémonos para o ano en Mesía

No remate da celebración, a confraría da Madalena entregou o ramo da próxima Romaxe ás xentes das Virtudes. Para o 2014 quedamos citados nas terras de Mesía, Xanceda e Frades.

As Romaxes poñen en pé de obra a moitas, crentes e non crentes, que son quen de sintonizar coa nosa onda de fe e galeguidade. Na celebración colaboran moitas persoas: técnicas de son, montadoras de palcos e carpas,… Enriba do escenario, Xabi Blanco guiou a quen participou en cada momento: Pepe e Olga; Bea, Rosa, Marisa, Clara, Pepe e Comba; Beti, Mónica e Eva; e, por suposto, a Quenlla que brindou cancións a esgalla. O texto da celebración foi obra de Baldomero Dobarrio, Mero, e Manolo Regal.

Desenlace. A oración da tardiña

Pero aínda non acabou todo alí. Pola tarde esperábanos a traca final feita arte, pedra e luz no templo da Veracruz. Todo un luxo de arte modernista do arquitecto carballinés Antonio Palacios, rematada en 1975. As xentes da comunidade de Mandiá, en Ferrol, fixéronnos acougar de todas as emocións do día e meditalas no noso corazón para saír a espallar por toda Galicia que a próxima Romaxe, a XXXVII, está xa en marcha.

Vémonos alá!!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Romaxe. Ligazón permanente.

2 Responses to A Romaxe corría présa (e case chegamos tarde)

  1. Perdón pola erudición, pero hai en internet unha colección de escriturá dos vellos mosteiros femininos de Lobás, Dozón e Ansemil moi interesantes sobre a vida e casos das monias (ou moneas) que alí habitaros durante séculos, cos vicios e virtudes e loitas do caso do caso. Algo que, novelado, podedes atopar no recente libro de Ramón Nicolás, ambientado no tamén Mosteiro feminino de Ramirás, cercano a Celanova.
    Porque a historia de eses tais conventos de mulleres é moi descoñecida, inda que polo que semella deberon abondar espallados pola xeografía galega… e non galega.

  2. Tamén estaría ben que difundísedes un plano ou croquis do acceso dende Cerdedo, pois ten algo de intríngulis o mancornado traxecto ata o cumio do Seixo, ademais de constituir unha ccereteriña estreita, sombría e chea de reviravoltas. Inda que todo esto coido que non se lle escapará a Carlos Solla.
    Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s