Un país a monte é un país queimado


Resulta ben ilustrativo ir á hemerotecas e ver que dicían Rajoy, Feijoo e o PP na oposición durante a vaga de incendios de 2006, producida en circunstancias meteorolóxicas moi semellantes ás deste setembro de 2013.

Daquela os alcaldes populares de Cerdedo e Cangas, rodeando a Louzán, presidente da Deputación pontevedresa, acusaban á Xunta bipartita de falta de medios, invocaban con bágoas a dúas mulleres mortas e, ao fío desas mortes “politicamente favorables”, falaban dunhas posibles “comisión de autodefensa” que ademais “dun titular de prensa”, evidenciarían que “a Xunta – a do bipartito- elude as responsabilidades para apagar o lume”.

Daquela tamén, coincidindo coa heroica foto de don Alberto coa mangueira de xardín en man, refrescando as brasas, don Mariano Rajoy dicía na prensa aquilo de que, adversidades meteorolóxicas aparte, “en situaciones como esta es donde se mide la eficacia de los Gobiernos”. Nas de 2013, non se di o mesmo xa. E non resulta menos ilustrativo ler como en 2006, o PP usaba como arma de combate dialéctica que as brigadas non estiveran listas antes do 28 de xuño. En 2013 resulta que o estiveron ben máis tarde.

Non se decatan que ese pim-pam-pum, é raiante. A xente ten memoria. A xente ve o que pasa. A xente sabe que desde o último lume no Pindo e Carnota –e poñemos este exemplo polo singular valor paisaxístico do caso, unha paraxe única no mundo-, os toxos medraron sen parar. Foron oito anos de produción incontrolada e imparable de combustible. Ultimamente medían dous metros.

O problema do abandono do rural é demasiado serio para deixalo na man dese pim-pam-pum partidario. Cómpre unha vontade de acordo, seria, desde abaixo, que lles obrigue a reaccionar. Hai que procurar crear redes de pensamento e acción por un medio rural vivo, crear foros e alianzas renovadas e plurais, sumar,  marcar o camiño de acción a emprender, xa que estamos fronte a unha auténtica emerxencia nacional.

Estamos quedando sen medio país. Estamos rotos e escindidos nunha esquezofrenia socio-económica e medioambiental: unha metade da xente no paro arredor dunhas urbes incómodas, ruidosas e crecentemente problemáticas e unha enorme superficie do territorio, cun altísimo potencial produtivo, que está deixado a monte.

Efectivamente, Galicia tende a ser asfalto e monte “a monte”, monte combustible, monte fatal.  Non dan para máis os nosos gobernantes e os seus correlativos opositores? Non damos para máis como sociedade?

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial, Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s