Profetas e profecías (2)


Calo Iglesias

Propoñemos os principais trazos distintivos das profecías.

1º. Revelan que Iavé actúa na historia humana

Os tempos e espazos da acción divina corresponden cos da acción humana. Por tal motivo o pobo de Palestina (chamado tamén de Israel) concibe a súa propia historia como historia sagrada. Xa sinalamos que esta vivencia une o humano co divino e será desenvolvida a través do concepto de Alianza. Unha Alianza para a salvación, que se traduce en valores como liberdade, benestar, vida digna… A salvación non é algo abstracto senón algo efectivo que influirá na historia, na organización sociopolítica, no goberno, na lexislación.

2º. A profecía indica o curso da historia

Aínda que o Profeta non sexa quen de comprender polo miúdo a súa profecía, sempre está en condicións de predicir o curso xeral que seguirá a historia do xudaísmo, para ben e para mal.

3º. Ningunha profecía expresa a realidade completa

Cada Profeta só ten unha visión fragmentada e insuficiente do plan salvífico de Iavé. A parcialidade da visión non invalida a verdade da súa profecía, senón que xera humildade e a esperanza de comprender máis e mellor. Os Profetas coñecen ben a orixe da súa ensinanza e, polo mesmo, atrévense a dicir, sen ningunha arrogancia: “Así fala o Señor Iavé”.

4º. As profecías van a contramán da xente

As profecías son inquietantes. Poucas veces satisfan o sentimento xeral e as apetencias do pobo; por tal razón ser Profeta é incómodo, perigoso. Cando o pobo está durmido no conformismo, eles predican a insubmisión; cando hai paz, anuncian a guerra; cando hai prosperidade, anuncian a fame… Os Profetas son testemuñas de que os plans de Deus non sempre coinciden cos plans dos seres humanos, e expresan abertamente o que Deus ordena falar para destruír e construír, para soster e consolar, para denunciar e anunciar.

5º. A profecía non é catastrofista

Sempre remata anunciando a futura conversión e a restauración relixiosa e moral. O anuncio dun castigo queda aberto á esperanza e certeza do perdón e da salvación. Iavé sempre será fiel á Alianza, nunca abandonará o seu pobo, a pesar das súas infidelidades. Certo que “o pecado nacional” recibirá un castigo, pero despois do castigo, do exilio, chegará a hora do regreso, da compaixón, do perdón.

6º. A linguaxe profética é simbólica, pero tamén sinxela

A profecía transmítese mediante símbolos ou imaxes non sempre fáciles de interpretar. Pero a linguaxe é sinxela, chea de sentimento, impregnada de realismo, describindo a situación en termos de inxustiza, de explotación dos pobres, de cultos falsos, de consumismo e bebedeiras, de alianzas políticas inaxeitadas…

7º. A profecía é anunciada por unha persoa do pobo

Unha persoa/oráculo, que nunca queda á marxe das preocupacións da vida diaria.

8º. A profecía mostra o Profeta como persoa devorada polo celo de Iavé.

Un celo que é tamén oración agónica, mesmo amorosa confrontación.

Aínda que no curto prazo as profecías foron polo común desatendidas, a influencia que tiveron no desenvolvemento relixioso e moral do xudaísmo foi “axial”, crucial. Estas foron as súas achegas:

1ª. Explicaron a unidade, transcendencia e santidade de Iavé. Os Profetas separaron a relixión das prácticas ostentosas, materialistas e mercantís.

2ª. Dotaron a relixión xudía dunha ética orientada á xustiza e altruísmo. Os Profetas significaron a renovación e maduración da fe nunha liña de interioridade e compromiso social. “Quero o amor e non o sacrificio, o coñecemento de Deus máis ca os holocaustos”, di Oseas.

3ª. Anunciaron a promesa mesiánica, que aviveceu a esperanza dun reino de xustiza e paz que o Cristo instauraría.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Horizonte universal. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s