“Los curas contra Franco”


Rosa Cal

This slideshow requires JavaScript.

Durante o franquismo un grupo de curas de Ferrol foron castigados por propaganda ilegal, tanto polos escritos como polos discursos-homilías da igrexa ou enterros. Tamén polas lecturas que facían con libros e revistas prohibidos pola censura, por abriren as igrexas aos obreiros, por participaren nas manifestacións, en resumo por loitaren polas liberdades e os dereitos humanos que España nunca asinou. Isto é o que recolle o libro do que falamos, en  cuxa portada se mesturan os tres poderes: o franquismo simbolizado polo Val dos Caídos, a igrexa polo campanario, e a fouce e o martelo porque eran “os comunistas” por estaren ao lado dos necesitados. A historia, aínda que se vive en Ferrol, pode ser extrapolada a toda España: clero vasco (para eles fíxose o cárcere concordatario de Zamora), os cataláns,  Madrid, Andalucía, Asturias e mesmo as outras provincias galegas.

Nesta reflexión xuntámonos Anxo F. Currás, un dos protagonistas dos feitos, hoxe secularizado; Antón Aneiros que, inaugurou a parroquia de San Pablo en Ferrol hai cincuenta anos, nunha zona coñecida como “a cidade sen lei”, secularizado dende o ano 1974, exalcalde de Narón e exdiputado no parlamento galego; e a autora Rosa Cal, ferrolá, mestra na súa escola Aynet de Ferrol até o 1977 e despois en Madrid onde acabou dando clases na facultade de xornalismo. Antón e Anxo entrevistan a Rosa.

Antón: Que foi o que te levou a emprender a investigación sobre os curas de Ferrol?

Hai sete anos era moi importante para min estar a maior parte do tempo en Ferrol, para poder atender a miña nai, por iso precisaba un tema de investigación que fose galego. Outro punto decisivo foi a reflexión sobre os amigos de Anxo, xa que case todos foran multados e algún estivera no cárcere. De aquí pasei a facerme múltiples preguntas: como se formou o grupo, por que foron tan atrevidos, que era o que os unía, como actuou a xerarquía local ante as suas acción, etc.

 Anxo: E que impresión tes sobre as actuacións dese grupo de cregos?

Eu evito valorar os feitos, o que procuro é ter moita documentación para presentalos sen desvirtualos. A actuación do grupo foime captando pouco a pouco e pensaba que estaban na verdade do evanxeo e da doutrina social do Vaticano II. Algún, como Vázquez Seijas, foi todo un descubrimento. Tamén Vicente Couce, entregado totalmente ao apoio dos obreiros. Aneiros foi un cronista “da oposición” case perfecto. Currás, un propagandista dos dereitos e denunciante dos males da ditadura coa palabra:  homilías ou responsos nos enterros; Cuco, un “factótum”, buscaba revistas fóra de Galiza, chamaba a conferenciantes na liña da loita polas libertades, daba aloxamento en Madrid aos que ían a xuízo, etc. Despois estaba Chao, que era o fermento teórico que impulsaba á praxe. Para min as actuacións do grupo foron  necesarias e acertadas, e fixéronme concluír que aquela era a igrexa de Xesús de Nazaré, a igrexa salvadora, a igrexa en aggiornamento constante, a igrexa viva signo de cada tempo cambiante. Resumindo: o que hai que recuperar pero non en grupo senón en plan xeral na Igrexa.

 Antón: Que perspectivas vías, como autora, nas actuacións do grupo ferrolán para que merecesen un libro?

Algo xa vai contestado no punto anterior. Engado que os que defendemos o progreso, o pensamento libre, a corresponsabilidade e a xenerosidade, nese grupo encontramos todo iso. En Ferrol, naquela época eran considerados “curas comunistas”, os malos, os rebeldes; algunhas nais non querían que casaran as súas fillas porque pensaban que ían mal casadas. O estudo a fondo convenceume de que, ante a ditadura que se sufría, eles eran os que tiñan a razón, valentes de darlle a cara e descubrir os males do sistema. Determinei que había que contalo para que nunca se esquecese, ou para evitar que outros contaran os feitos apañando a brasa para a súa sardiña. Hai moitos casos bonitos e incribles coma a carta de Vázquez Seijas que tanto me costou conseguir; a despedida de Argaia despois do fracaso da procesión do Corpus, a do Vicario Capitular que debeu suar arreo cos presbíteros incontrolables; a dor de Araúxo polas ameazas e desexos de voltar á guerra civil para acabar con todos eles; a carta de Vicente desde o cárcere de Zamora ao pai, a semblanza de Argaia feita por Raña, ou a repentización do interrogatorio policial que fixo Aneiros. Todos eses casos concretos, e máis, son os que enchen as 500 páxinas.

 Anxo: O libro, en grande parte, segue os informes policiais. Foi doado facerse con ese material?

Como o tema era moi serio, e como aínda hai quen defende a ditadura franquista, eu quería documentos que os apoiasen, para que non os tomasen por tolos ou inxenuos. Como nas ditaduras, sexan de dereitas ou de esquerdas, sempre hai a policía política cuxa obriga é manter o ideario a base de censura total e prohibir a liberdade de expresión, era sabido que un membro da “secreta” seguía a cada un deles. A vida pública estaría neses informes, tiña que conseguilos aínda que fose ben difícil porque estaban no arquivo do Ministerio de Interior. Sempre me esixiron que presentase unha autorización e fotocopia do carné de cada un. Unha vez que che conceden o permiso todo é gloria, pero non podes sacar da sala nin un anaco de papel e só podes entrar cun lapis.

Rosa: E agoro pregúntovos eu, que opinades do que saíu deses arquivos policiais?

Anxo: A policía era coma a santa compaña, non se separaban de nós. Moitos cartos deberon gastar para seguirnos. Sabían todo: cando entrabas, cando saías, cando viaxabas, as cartas que traía o carteiro, quen te visitaba no convento cando estabas  retido… Eu, infeliz de min, nunca pensei que estiveramos tan controlados, até na igrexa tiñamos espías. Eu botei a un e tiven serios problemas. 

(Acordan Antón e Anxo que, ás veces, era como se nas asembleas houbese algún infiltrado, por exemplo nas reunións de Masma e Ribadeo, “sabían o que estabamos a tratar”. Entraba dentro do posible que un partícipe, non moi comprometido, se puxese ao servizo da policía secreta.)

Antón: Algún que por amor a Deus e ao Réxime delataba, contaba por nos salvar, porque de seguro que cavilaba que nós andabamos perdidos, descarreirados, contaxiados do comunismo.

Anxo: Recordo que no comezo dos anos sesenta D. Francisco, o párroco de Viveiro, recibía periodicamente un membro da policía secreta para que lle contase, con toda normalidade, porque o párroco era o servidor da autoridade que  salvara a España, e se mantiña fiel aos principios do nacionalcatolicismo.

Rosa: Todo o que fixestes, foi unha perda de tempo?

Antón: Eu cumprín oitenta anos este mes pasado, miro para atrás constantemente e sempre chego á mesma conclusión: non perdín o tempo nin daquela nin na acción político-administrativa posterior. Na acción relixiosa estou convencido de que me deixei levar, funme deixando levar pola situación que encontrei en San Pablo, o que me motivou foi a parroquia, os xitanos. Pouco tempo tardei en me decatar de que o meu pensamento e mais o que sentía e vivía era o mesmo. Quero dicir dúas cousas: o grupo foi imprescindible como apoio e como loxística de acción, era unha piña. A outra, refírese a Chao: el influíume moito, teño falado horas e horas con el, viaxaba comigo,  cando iamos a Santiago aos Coloquios…

Anxo: A formación social foi cuestión do grupo, ver a realidade das familias obreiras cheas de miseria e ignorancia, a loita de Antón polos xitanos, as manifestacións, os panfletos, o reparto de propaganda, a implicación na vida día a día. Dende o ano 1968 eu vivín bastante a relación con uns e outros, pero ao saír, e ver esta historia, deslúmbrame que puideramos chegar a facer o que fixemos, ante unha igrexa con moita rémora e moito apego ao poder, que chegásemos a actuar tanto como fixemos…

Anxo: Qué impacto esperas que produza a lectura do libro?

Que se incorpore á historia de Ferrol. Foi bonito o que dixo Torres Queiruga na presentación en Santiago: “Este estudo debía ser obrigatorio lelo nos seminarios”. Tamén o xornalista Paco Varela ao comezo comentou “pero non estaba dito xa todo o de Ferrol?”, só uns días despois chamoume para dicirme que o lera durante unha noite, dun tirón e “agora si está todo dito”. Tamén forma parte da historia da igrexa, da igrexa afastada do Réximen; e tamén se ven nos feitos os controis e imbricacións dos militares coa xerarquía relixiosa e política, no caso de Ferrol cun poder tan forte que se impuña a todas as autoridades civís ou relixiosas.

Anxo: Xa que citaches as presentacións, digo que a min estrañoume moitísimo que na de Ferrol non houbese nin un só crego en activo, a sala estaba a rebentar de xente, pero nin un só crego. A liña renovadora comezara xa coa XOC e HOAC, seguiu co Vaticano II, e esgotouse na transición debido, quizais, a dous motivos: cambio da temática de loita temporal, xa non será polas liberdades senón polo nacionalismo cultural, económico e político; e porque a igrexa de Roma abandonou o Vaticano II e tomou camiños involucionistas. Os tempos vindeiros, co Papa Francisco na dirección da Igrexa, dirannos se andabamos por bos camiños.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s