O adeus a Herminia, unha monxa galeguista e feminista


Herminia participou activamente nas Romaxes dende a primeira edición.

Herminia participou activamente nas Romaxes dende a primeira edición.

Victorino Pérez Prieto

O 31 de xullo, morría en Santiago de Compostela, Herminia Estoa Bousa, Mini. Pode que ás/aos lectores da nosa revista non lles resulte moi sorprendente a traxectoria vital desta muller, mais cómpre salientar que é difícil atopar unha persoa que reúna as súas características e o seu compromiso na nosa Igrexa. Secretaria da Asociación de Irimia nos seus primeiros momentos, impulsora da Romaxe dende a súa 1ª edición, participou animosa desde os seus comezos no movemento de galeguización dunha Igrexa “en Galiza” que non acaba de ser “Igrexa galega”.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.

(Rosalía de Castro, “Cantares gallegos”)

Coa dor aínda ben viva en Compostela polas mortes da curva de Angrois -un absurdo accidente froito da mestura entre imprudencias e recortes asasinos en seguridade ferroviaria que afogou, na dor polos preto dos 80 mortos, a ledicia das festas compostelás e as manifestacións do día da patria-, a gaita soaba melancólica na igrexa da Compañía de María, a carón do vello edificio da Universidade compostelán, co son do himno do antigo Reino de Galiza para dicirlle o derradeiro adeus da familia, irmás de congregación e numerosas amigas e amigos a unha monxa atípica: Herminia Estoa Bouso. Inmediatamente antes, a comunidade reunida para a celebración funeral concibida coma “Eucaristía de acción de grazas pola vida de Herminia”, erguíase para escoitar os emocionantes versos de Rosalía, que tanto amaba esta monxa; versos coma os do comezo destas letras e outros definitorios como estes:

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

Os versos reflectían naquel intre emotivo o amor por Galiza e a súa lingua que manifestou Herminia toda a súa vida, consonte cos versos da poetisa galega por antonomasia, demasiadas veces “estranxeira na súa patria” coas xustas verbas de Paco Rodríguez:

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo”.

Porque Herminia, como pacífica militante galeguista, que levaba a cultura galega moi dentro do corazón e da cabeza, participou animosa desde os seus comezos no movemento de galeguización dunha Igrexa “en Galiza” que non acaba de ser “Igrexa galega”, como recoñecín no meu libro Galegos e cristiáns. Fíxoo salientablemente colaborando coa Asociación Irimia, sobre todo nas súas Romaxes de Crentes Galegos, ás que foi fiel asistinte e sufriu polas incomprensións e persecucións que tivo que padecer esta romaría atípica por parte da xerarquía galega e os elementos máis reaccionarios Igrexa. Mini participou neste compromiso con outras irmás monxas; algunhas chegaron mesmo a participar nas organizacións políticas nacionalistas.

Pero Herminia, tamén coma outras monxas, foi ademais unha muller feminista. Loitou pacificamente fronte ao patriarcalismo machista da súa Igrexa que lles quixo sempre impor a vontade dos varóns; e reivindicou a propia identidade e o posto de igualdade na Igrexa. Mª Xosé Queizán, chamounas xustamente “compañeiras na causa do feminismo”.

Grazas Mini, María, Pilar e tantas irmás da Compañía de María en Galiza.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro, Romaxe coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

One Response to O adeus a Herminia, unha monxa galeguista e feminista

  1. Pingback: O adeus a Herminia, unha monxa galeguista e feminista

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s