O Conto do verán: os osos/ósos teñen presa/présa


Tamaño churrasco de carne de oso faciamos!

Lidia e Valentina

A rapaza é madrileña de pais galegos e, despois de botar xullo e agosto na terra dos proxenitores, comeza setembro na escola privada da capital e cóntalles que na casa dos avós comeu moita “carne de oso”…- “Ay que curiosos tus familiares gallegos que comen osos!”- dille a mestra á nai da criatura. Esta docente da capital nada sabe dos idiomas da periferia e menos de galego, e non maxina que a nena imitou á súa curmá galega -que ten os seus mesmos cinco anos- e que lle chama “carne de óso” á costela que é habitual en todos os churrascos que a familia fai adoito na época estival.

Mesmo aínda que a mestra aprendese o que significa “óso” seguramente non sería quen de pronuncialo diferente de “oso”, algo que xa lle custa moito traballo á curmá galega desde que vai á escola! Curioso sistema educativo que temos no que o alumnado seica ten que saír dominando os dous idiomas oficiais, pero a realidade móstranos que a maioría que –nas áreas urbanas ou periurbanas- entran sendo galegofalantes, déixano de ser de tal xeito que ata esquecen que souberon diferenciar entre óso (aberto: o que conforma o esqueleto) e oso (pechado: animal), ou entre présa (aberto: apuro) e presa (pechado: carente de liberdade), ou entre póla (aberto: rama) e pola (pechado: galiña nova ou contracción de por+a).

En galego hai sete vogais e, se as hai, é porque nos fan falta. Igual que non é o mesmo “mesa” ca “misa”, só por mudar unha vogal, tampouco son o mesmo dúas palabras que se escriben igual pero unha pronúnciase con vogal aberta e outra con vogal pechada. A tradicional frase dos que nalgún momento da súa vida estudaron o til diacrítico en galego : “Vai a pola pola póla”, xa nos custa traballo explicarlla á xente nova que non distingue “polas” de galiñas e que só coñece “ramas” na árbores.

O caso é que corre moita “présa” traballarmos tamén en prol da lingua para recuperar a esperanza, que neste momento está “presa” do desánimo. E sen caer nel, queremos pechar insistindo na importancia do noso sistema vocálico exemplificando coa seguinte escena:

A nena do conto dille á mestra que leu por aí “A esperanza corre présa” e esta igual chama á policía se pensa que “Esperanza corre presa”…

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s