A Romaxe do lugar inexistente


Daniel López

Xa podiamos matarnos a buscar un mapa para indicar como se ía á Romaxe de Santa Uxía de Lobás. O señor Google negábase a localizar semellante sitio. Nisto que houbo alguén máis listo e malicioso que cambiou a estratexia de busca e escribiu Santa Eugenia. Alí comezaron a aparecer cousas, pero nin con esas. Tras un anaco de actividade investigadora demos coa chave: non chega con escribilo un pouco mal, hai que teclealo completa e absolutamente mal para que Google o atope. Efectivamente, a solución foi escribir: santa eugenia de lobanes. E alí estaba. Así, cun par de cataplanes.

Contáronme dun crego da parte de Calo (Teo) de non hai tanto tempo, que nos avisos facía o correspondente recitado de lugares, aproveitando, de paso,  para facer unha catequese nacionalcatólica de erradicación dos malos hábitos lingüísticos da freguesía, que porfiaba, na súa ignorancia, en chamar aos sitios en autóctono: Cabovila, O casal, Fixó, Solláns… E así, o señor crego, ía facendo todo un percorrido de rectificación: Cabodevilla, El Casal, Fijó, Las Galanas, El Carbajal, Sollanes, La Gesta… ata que chegaba a Mouromorto, que non traducía, non se sabe moi ben por que. Para min que nese intre tiña unha inspiración profética sobre os posibles efectos futuros da tradución nos seguidores dun tal Bin Laden. Un artista o crego, un visionario.

Ao paso que imos a toponimia vai ser o depósito da memoria. Da memoria cultural, da lingua de vello, da identidade diferencial. Por iso é outro tesouro a gardar, preservar, respectar. A toponimia e a microtoponimia galega é infinita. Xa hai tempo que contei aquí como na parte de Cedeira estiven con pescadores de cana do lugar que tiñan un nome para cada rochedo. Un nome para cada pedra digna de nome. E había ben delas. Esas palabras hai que veneralas.

Agora que temos ao alcalde de Vigo desaforado, seguindo a pegada localista -e ben pouco afín á lingua galega- do seu mestre espiritual, Paco Vázquez. Agora que o galego non é guai nin cool entre as mocidades urbanas, que optan masivamente polo curuño, o viguete e o macarroso. Agora, máis ca nunca, cómpre preservar a toponimia, fondal de enxebreza, artesa que garda os nomes e os sons que algunha xeración vindeira, con mellor conciencia, decida tirar fóra do armario e declaralos, con orgullo, públicos e iguais en dereitos e dignidades. Mouromorto, dispensando, incluído.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno, Romaxe coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s