Unha metástase de amor


Manolo Regal Ledo

IRIMIA, grazas a Deus e grazas a que así o queremos quen nela participamos, é  coma unha familia, grande ou pequena segundo como se mire. Por iso o que lles afecta ás persoas que dentro dela nos movemos ás veces é tratado como se tratan os asuntos de familia, con proximidade e afecto. Quen isto escribe sentiuse así tratado polo precioso escrito de Daniel López Muñoz no seu “Trasno” do penúltimo número. Situándome, logo, nese mesmo nivel cordial, comparto neste “Peto” algunha desas vivencias, recollidas do meu caderno persoal, que só se falan na casa e cos amigos e amigas.

“Home, confirmóunolo a médica: Si, ten vostede un cancro de colon, neoplasia de cego. Aínda que xa o dabamos por feito, doeume algo oír a confirmación. Porén, non pasei o día con iso na cabeza, e a cousa tampouco non me quitou o sono.

A Delia está máis tenra e exquisita comigo, e ti, meu Deus, vas ser menos? Recordo o que lera na libro do TAO, aquilo de que o TAO é  coma a auga, que vai sempre para as zonas máis baixas. Así é o teu amor, Deus. Cando hai un furado na vida, un descenso á zona da dor, da debilidade, alí instintivamente vas ti para envolvelo nas túas augas de vida, no teu amor. Ti tamén me queres amosar a túa especial tenrura, a que reservas para as persoas máis débiles. E para nada es ti o causante de todo isto! Estaría boa!

Ti es Deus de vida e, por iso, poste ao meu lado para que busque e goce a vida, a saúde, positivamente, e, se a enfermidade perdurase, seguirías máis forte ao meu lado para convertela, a pesar de todo, en fonte de vida e crecemento insospeitado. Non é así, meu Deus?

Que sinta a túa tenrura desbordante envolvendo a miña vida! Que esa tenrura túa me abra os ollos, me faga estar atento a outras persoas que tamén precisan desa túa tenrura, porque non é acaso a través da tenrura humana como nos achegamos á mesma tenrura túa, e temos dela coñecemento e experiencia? Dando e recibindo tenrura é como a tenrura de Deus se fai presente e salvadora.

Algo novo, insospeitado, irrompe na miña vida, na vida da miña familia e amizades, e aí no medio, caladamente, pero vivo e imprescindible, queres estar tamén ti. Que te poida vivir así, meu Deus. Que esta fe miña, este convencemento teórico, me cruce as entrañas e invada todo o meu ser, coma unha metástase de amor, coma unha fonte de amor  que deite ata a vida eterna, se fixese falla”.

Así  acababan aquelas notas. Teño que dicirvos, de amigo a amigo, de familiar a familiar, que ao cancro parece que se lle pecharon ben as portas, que da sempre temida metástase canceríxena non hai nada, e que todo se converteu, grazas a Deus, grazas a todos e todas vós, nunha metástase de amor que invade a miña vida de alento e esperanza. Grazas.

Máis debo informarvos, neste entretemento familiar, de que o noso común amigo Xosé Manuel Carballo tamén está para afrontar unha operación dura por un cancro na gorxa, que ao que parece lle vai supoñer importantes contratempos para o uso da palabra, ese don tan precioso co que tantas veces a tanta xente nos ten engaiolado. Corramos logo as ondas da atención e do afecto cara ao seu corpo, cara á súa persoa, en debilidade. Grazas tamén no seu nome.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s