As Recomendacións da Unión Europea


A UE rebaixounos as esixencias de déficit público que nos marcara para 2013. Este ano, o sector público poderá gastar máis, pero a idea seguirá sendo a mesma, debemos chegar ao equilibrio orzamentario no sector público, iso si, dous anos despois do acordado; 2018 é o novo límite.

Límites coma este véñense fixando nos últimos anos, pero sen éxito. Os motivos son fundamentalmente dous: o primeiro é a caída en picado dos ingresos públicos derivados da espiral de paro e empobrecemento na que estamos; o segundo é o rescate bancario que en 2012 nos custou o 3,6% do noso PIB, segundo relata a propia Comisión Europea. Diñeiro que non se recuperará nin directamente, porque os bancos rescatados se venden de balde, nin indirectamente, porque a banca segue sen abrir o financiamento nin avalar as empresas, nin os autónomos, nin os particulares. Nunca o Estado foi propietario de tanto banco, e nunca tanto lle serviu para nada. Ao mesmo tempo descubrimos que as bancas nacionalizadas (Bankia , CAM, Catalunya Banc, Novagalicia Banco, Unnim Banc, Banco Gallego e Banco de Valencia) prestaron nos últimos dous anos un 18% menos que o resto das entidades. Gastamos nelas, pero elas non invisten en nós.

A propia Unión Europea constata que a nosa proporción ingresos tributarios/PIB segue sendo unha das máis baixas da Unión Europea. Pero a solución que dá consiste en subir os impostos indirectos, porque polo visto produce efectos máis favorables sobre o crecemento que aumentar os impostos directos. Esta recomendación que desiste de propoñer un aumento na presión fiscal aos máis ricos e quere trasladar esa carga ao conxunto da sociedade, mediante o IVE, é unha das grandes medidas reaccionarias do texto.

Porén, o debate non está sendo sobre que tipo de impostos subimos, senón sobre a urxencia de baixalos máis. A alternativa deprime: ou liberamos da carga impositiva os máis ricos ou rebaixamos a todos os impostos. En última instancia, o Estado do benestar está en retirada.

A UE recomenda, ademais, seguir mellorando a eficiencia do gasto sanitario e farmacéutico mediante o copagamento. A aposta polos xenéricos segue sendo un dos poucos acertos que se lle pode atribuír ao goberno Feijoo, pois a alternativa segue sendo preocupante.

O noso mercado de traballo segue sendo moi ríxido, só parece posible emendar iso mediante o abaratamento do despido e a contención salarial. Renunciar a impulsar a investigación e o desenvolvemento, e deixar fuxir aos mellor preparados ten como resultado que aos menos preparados nos despidan de forma máis barata e nos paguen menos polo noso traballo. Estamos especializando a nosa sociedade no que calquera pode facer: o barato.

Bruxelas tamén solicita unha rápida aplicación da reforma do sistema educativo e acusa ao goberno español de non experimentar melloras na loita contra a marxinación e a pobreza, ao tempo que reclama que se facilite a entrada das grandes superficies comerciais.

A UE sofre esquizofrenia económica: quere apoiar ao pequeno e mediano emprendedor, pero ao mesmo tempo quere que este se enfronte coas grandes multinacionais en igualdade de condicións, sen obrigar a estas a asumir o enorme custo social e ambiental que xera a súa posta en marcha.

O texto complétase urxindo ao goberno a que tome medidas que aumenten a competencia no mercado eléctrico, ante a evidencia do abuso do poder das empresas eléctricas que nos obriga a pagar dúas veces a electricidade, a primeira directamente a través da facturación, a segunda a través dos impostos e da débeda pública que pagan o déficit tarifario, herdanza aznarista que incrementa o gasto público anualmente.

A última recomendación ataca o cerne mesmo da política galega: a reforma da administración local, unha quimera tan necesaria como imposible. Descabalgar do poder a centos de alcaldes valedores e gobernantes do pequeno, próximos e soberbios, parece imposible. A administración local ten moito que mellorar, pero non é a causante da crise.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s