Josep Manel Busqueta: “Xa hai moito avance: o proceso de transformación está en marcha”


Na festa do lume deste 2013 estivo connosco Josep Manel Busqueta, que traballa e anima o seminario Taifa de economía crítica, formado por un conxunto de persoas interesadas en darlle unha volta completa a unha maneira de entender a economía e a sociedade, a maneira dominante e predominante, que nos está levando a unha situación de instalación na crise, de aparente non-retorno, de desesperanza, perda de dereitos sociais e crecente desigualdade. Conversamos con el acerca destas e dalgunha outra cousa. 

Por que “Taifa”? Sitúanos antes de nada nesa iniciativa do Seminario de economía crítica

Como se recorda na propia entrada da nosa páxina web, unha das acepcións do dicionario para a palabra Taifa é a de “Reunión de persoas de mala vida ou pouco xuízo”. Xogamos con esa ironía. O Seminario, que nace hai 15 anos,  formámolo un conxunto de persoas relacionadas coas facultades de economía. Hai profesores, alumnos e xente interesada. Disentimos do enfoque económico maioritario das universidades, nas que domina o pensamento neoclásico e neoliberal, enfoques que non son quen de explicar o que está a pasar na nosa sociedade.

Consideramos que o correcto é un enfoque máis rico e transdisciplinar, que integre as diferentes facetas da vida das persoas. Temos como obxectivo que a xente entenda o que pasa e que participe, co conxunto dos movementos sociais, na marcha cara a unha sociedade máis xusta, ecolóxicamente viable e satisfactoria para o conxunto das persoas. Somos, en certo sentido, un apoio pedagóxico para eses movementos sociais.

No teu relatorio falabas do “fracaso do capitalismo”

Si, esa constatación é un punto de partida. O capitalismo fracasou e ese fracaso ten varias caras. Primeiro fracasou socialmente, non serve para resolver as necesidades da maioría da poboación; hoxe en día isto é un dato bastante evidente, porque a crise nolo fai ver de inmediato, pero é una cousa de alcance planetario: o dous por cento dos adultos máis ricos do mundo posúen máis da metade da riqueza mundial, mentres que a metade máis pobre apenas chega ao un por cento. Ademais é un sistema inviable desde o punto de vista ecolóxico: a súa lóxica leva á destrución do planeta. Pero ademais, o capitalismo acaba de colapsar a idea de democracia: son os famosos “mercados” e non os gobernos os que deciden. Hai algo moi serio que non funciona. Se funcionase non sería certo, como indica a ONU, que na actualidade hai máis  de mil millóns de persoas que pasan fame, ou que once millóns de nenos morren cada ano por enfermidades curables.

Pois o capitalismo financeiro foi recentemente “rescatado” polo estados…

Efectivamente, cos cartos dos contribuíntes. Os plans de rescate suman uns sete billóns de euros en todo o mundo. Esas son contradicións tremendas. Se comparas iso co orzamento da FAO, é enormemente ilustrativo. Se pensas nunha torre de 104 metros, un centrímetro sería o da FAO e o resto dos máis de cen metros, o dos rescates. Un funcionario da FAO retirado, José Tomás Esquinas, denunciou algo que pasa todos os días e que non somos quen de percibir debido ao ruído e ao consumo: o orzamento da FAO para dous anos, equivale ao que os países industrializados gastan en comida para cans e gatos nunha semana.

O gran argumento é que non hai alternativa. Díxoo Thatcher, e sentou doutrina…

Pídesenos unha “alternativa acabada” , segundo as coordenadas do sistema vixente. Se falas dunha sociedade diferente, a alternativa desbótase por utópica. Quérense cambiar catro cousas para que nada cambie. Pero as alternativas transformadoras son outra cousa. Transformar significa cambiar, alterar, substituír uns intereses minoritarios polos da maioría da poboación. O que está claro é que a alternativa non é un mapa de estradas. Parafraseando a Machado: “caminante no hai modelo, se hace el modelo al andar”. Pasou exactamente igual co capitalismo, que foi “creándose” a medida que avanzaba. De feito o capitalismo non é un modelo perfectamente definido por ningún teórico renacentista. Foi nacendo e evolucionando. A nós, pola contra, gústanos falar de suxeitos de cambio, de procesos de transformación e de instrumentos de transformación. Todo é importante, fai falta unha masa crítica de xente que aspire e aposte polo cambio e tamén fan falta procesos e instrumentos que anticipen e fagan posible ir cambiando as cousas.

Dis que o cambio debe ir afectando a unha serie de ámbitos que teñen que ver coa vida da xente

Efectivamente a transformación é global e hai que traballala en diversas esferas que actúan de maneira complementaria. Hai que traballar o cambio na tecnoloxía, na relación coa natureza, nas relacións sociais, nos modos de produción e reprodución da vida cotiá, nas concepcións do mundo. Miren Etxezarreta fala dun modelo autocentrado, cunha maior autonomía fronte aos mercados centrais. Outra categoría fundamental é a de democratización da economía, un dos autores de referencia no estudo da democracia económica é David Schweickart. Para nós, como Seminario de Economia Crítica “Taifa”, este concepto debería englobar un control público do sector financeiro, pero, ademais, hai que avanzar nun control social dos medios de produción (de feito hai unha diversidade de modelos de propiedade comunitaria dos medios produtivos: cooperativas, comunal, local, estatal…) e dos bens producidos, así como unha planificación da economía con participación social.  As grandes orientacións estratéxicas da economía deberían estar condicionadas pola participación da sociedade.

Comentas que o cambio non é substituír maxicamente un modelo por outro, senón avanzar de maneira transformadora nunha determinada dirección. Xa están en marcha eses avances?

Xa hai moito avance, en multitude de dominios: hai un importante municipalismo alternativo, temos avances serios en finanzas éticas, hai unha importante economía social (p.e. cooperativismo), fortemente consolidada, hai intentos moi arraigados e innovadores de agro-ecoloxía, hai un sindicalismo alternativo, etc…  Tamén no relativo ao nacemento de novas maneiras de consumo. Iso é moi importante: repensar o modelo de consumo e produción de acordo cun respecto aos equilibrios ecolóxicos locais e globais; pensar nun tipo de ocio e transporte que axuden a relocalizar a economía e non a deslocalizala; pensar nunha sociedade máis austera, menos obsesionada polo consumo individual e máis disposta a reencontrarse a través da colectividade.

A crise deixa máis en evidencia as limitacións do noso sistema fiscal. Quérese consolidar o orzamento a través do recorte do gasto público, pero non se aborda un esforzo similar en corrixir o sistema fiscal que carga as tintas nos asalariados.

Efectivamente, por unha parte, en conxunto, pagamos menos impostos que a Europa dos 15. Mentres que a presión fiscal dos países de referencia na Unión Europea (e falamos aquí da UE-15, é dicir os países que formaban a Unión entre 1995 e 2004, antes da entrada dos novos socios da parte central e oriental de Europa) se sitúa de forma estable arredor do 40% , no caso do estado español, desde o inicio da crise, en 2007, esa presión fiscal vén experimentando unha importante redución, situándose en 2011 no 31%. É dicir que falamos dunha caída do 15,28%  no período comprendido entre 2007 e 2011.

Pero o peor é a estrutura interna desa presión fiscal. A maior parte corresponde, arredor do 35%, a cotizacións á seguridade social, que é un imposto proporcional á nómina, pero non é progresivo (non incrementa o gravame a medida que aumenta o salario), fronte a cerca do 15% dos impostos directos (renda, patrimonio, etc…) e algo máis do 15% que corresponde aos indirectos (IVE e outros menores). En calquera caso, o 85% da recadación realizada mediante o IRPF provén das rendas do traballo. O papel redistribuidor do Estado queda posto en cuestión:  son os traballadores os que pagan a maior parte dos impostos.

Para rematar, como resumirías os grandes principios reitores do cambio necesario?

As estratexias para o cambio deben irse construíndo de maneira participativa, democrática, aberta e plural. Deben ser estratexias igualitarias, onde todos e todas teñan os mesmos dereitos e obrigas. Ningún responsable “técnico” debe substituír a cidadanía na toma de decisións. En definitiva, a xustiza é máis importante que o crecemento, a eficacia e a eficiencia. Queremos unha sociedade tan eficiente como sexa posible pero subordinada a valores superiores: a xustiza, a viabilidade ecolóxica e humana. Toda sociedade debe rexerse pola súa propia vontade, procurando o seu benestar e non polo beneficio privado.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s