Manolo Regal
San Cidre, 11 de maio do 2013 en Loureiro, Irixo, Ourense
As mulleres e homes do Movemento Rural Cristián de Galicia levamos 28 anos celebrando co San Cidre o día do mundo rural. Cada ano nunha aldea distinta de Galicia, nunha especie de romaría e peregrinación rural, que empalma con vellas maneiras de sentir e de vivir a fe na nosa Terra, pero que se abre a formas novas de entendela, marcadas maiormente por un afán limpo de xuntar fe e vida rural, apego á persoa e estilo de vida de Xesús e namoramento e defensa da realidade rural, que tanto precisa de amores e coidados, de defensas e de soños.
Este ano en Loureiro, Irixo
Este ano foi na parroquia de Loureiro, Irixo, Ourense. Quixémolo celebrar alí por varias razóns. Tiñamos coñecemento da longa loita comunitaria dunha veciñanza liderada polo seu crego, Antonio, que desde hai máis de 30 anos concentra os seus esforzos nun movemento cooperativo –a cooperativa “Loureiro”–, dedicada á produción de queixos, iogures e quefir.
Amais diso, a comunidade de Loureiro, mantivo a loita contra o cemiterio de refugallo que a Xunta, co visto bo do alcalde do Concello, quería asentar na comarca. Conseguiron parar un intento que acabaría coa vocación gandeira da comarca.
Por todo isto, para agradecer, para dar alentos, para aprender, quixemos este ano celebrar en Loureiro o día do mundo
Este era o noso lema
Sempre celebramos o San Cidre guiados por un lema, co que queremos dar algo de resposta ao momento concreto que cada ano estamos vivindo no mundo da aldea. Este anos escollemos o lema “CON HONRADEZ E DEREITOS MELLORAMOS A VIDA”. Pensamos que, fronte á tendencia caciquil de manexalo e controlalo todo con favores, a todos e todas nos iría moito ben se empezásemos a falar de dereitos, de cousas que non temos que pedir ou mercar con dependencias, senón que temos que esixir como deberes que connosco ten quen rexe as parroquias e concellos.
E isto foi o que fixemos
Xuntámonos sobre 500 persoas. Fomos moi ben acollidos/as con queixo e bica e coa música dos gaiteiros. Nunha carpa cedida polo concello do Carballiño fixemos unha celebración eucarística ben preparada, presidida polo crego Antonio, pero abastecida pola participación particular de labregos e labregas que representamos a HONRADEZ e os DEREITOS, que pedimos humildemente perdón polas veces que favorecemos as trampas e o caciqueo, presentamos en ofrenda a vida da cooperativa, escoitamos a palabra viva, valente, franca, de Xesús, que nos alentou cara á honradez, cara á verdade, comungamos contentos/as co Pan santo de Xesús, e abrimos e pechamos a celebración cos fogos ecolóxicos, que son segredo reservado para quen participa no San Cidre.
E despois da Misiña santa, o xantar tamén santo, compartido. Despois, mentres uns/unas bailaban, outros/as visitaban a cooperativa, outros/as andaban de vagar a parroquia, gozando co seu entorno rural, coa preciosa igrexa parroquial, co busto co que, no adro, os veciños e veciñas quixeron honrar o seu abade, ou co precioso relevo de pedra que, ao pé do cruceiro, representa a Última Cea de Xesús.
Ah!, o quefir, os iogures, os queixos de Loureiro podédelos atopar en calquera Gadis. Paga a pena mercalos e comelos en memoria daquela xente de ben que os traballa día a día.