Abastecedores de fe: Fernando e Francisco


Josecho de la Torre

O petoNun tempo de bochorno e resignación como o actual, abastecer de fe a xente semella difícil. Algo tan arraigado á confianza non pode brillar con determinación cando a súa luz sofre unha eclipse endémica. Con todo, na opacidade hai estrelas que brillan con luz propia. Velaí Fernando e Francisco, astros de diferentes galaxias. Fernando estudou no Seminario de Compostela. Nin o paso por el nin as clases de inglés evitaron que a súa carreira correse pola banda dun campo de fútbol. Despois de 6 anos de reciclaxe, deambulando por nebulosas, chegou á Coruña chamado polo imposible: adestrar un equipo sumido no abismo. Fernando é de retos, sabe gañar a xente; emprega a clave virxiliana e fai que se crea para conquistar. Un xornalista preguntoulle se algunha vez lle encargaran a un home de Galicia unha misión tan complicada como a del no Dépor. Explicou que o fútbol ten moito de ilusión, de comuñón; un sentimento, unha fe, unha crenza sen a que non se pode vivir. Fernando articula o seu pasado para conxugar a fe e transmitila cunha didáctica que roza a perfección. Iso úneos a todos baixo o mesmo paraugas. En pouco tempo, o de Castrofeito converteuse no Trending Topic da nosa Terra para saír con voz autorizada no manifesto a prol do galego ou no vídeo “Salvemos Galicia da megaminería”. Con Fernando, PÓDESE!. Jorge Mario ondeou pola mesma vía láctea. Cunha enxeñería en química, entrou no Seminario de Villa Devoto. Despois de facerse xexuíta, foi a Chile para estudar humanidades e regresou a Bos Aires como profesor. Ordenouse sacerdote e, tras diferentes cargos, é nomeado bispo de Auca en 1998 e cardeal en 2001. A mesma semana que Fernando chegou á Coruña, Jorge Mario foi chamado da fin do mundo para ser Francisco e liderar unha Igrexa entre tebras. Nun ton de simpatía, pediulle a Deus que perdoase aos que o elixiron. Francisco amosa un carácter achegado á xente, con aires renovadores e actuais. É diferente: rompe protocolos, dialoga, simpatiza e esperta algo novo na xente; cando menos expectación e ILUSIÓN. O devir dos astros, a duración da súa luz, está por ver. Con todo, ninguén dubida da maxia de Fernando e de Francisco para abastecer fe.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s