“Non hai esforzo sen emoción”


foto Xosé LoisSobre a LOMCE, chamada a lei Wert, e tantos tópicos fáciles e estériles que rodean os debates sobre educación e o afán por facer a “lei definitiva” que todo o amañe, conversamos con Xosé Lois Vilar, o noso mestre de referencia. Xosé Lois exerceu en escolas do concello de Mondoñedo e do Barbanza, con picariños e con adultos, con rapaces de aldea e inmigrantes. Sabe do que fala, cando fala de fracaso escolar e social, de motivación e compensación. Os que o coñecedes sabedes da súa sabedoría persoal e educativa. Velaquí unha mostra máis.

Xosé, o proxecto da sétima lei de educación da democracia está en debate parlamentario. E hai “festa” na rúa…

Para min ese mesmo dato, tan simple, é abraiante: unha lei educativa cada cinco anos, se facemos media. E non é tanto que revele a discordia ou a torpeza dos políticos dun país. A cousa semella unha resposta desnortada ao enorme desacougo que no alumnado, familias, profesorado, e administración educativa están a producir os resultados. Se en algo coincidimos todos é en que á escola se lle vai, sen o correspondente “certificado de calidade” unha boa parte da clientela (ao redor do 30%) e en que os que permanecen e chegan ao remate dos estudos, non o fan co nivel que se pretendía. Por outra banda a acelerada transformación social fai que as leis, educativas e outras, avellenten antes de seren aplicadas. Estamos nun sen vivir e, na miña opinión, a meirande parte do problema reside en confundir educación con instrución e mesmo adoutrinamento.

En que sentido?

Precisamos instruír porque aínda cremos que hai un modelo de persoa e un modelo social “dez”. E coidamos que a función do que chamamos educación é conducir inequivocamente cara a esa meta. Por iso mesmo nos matamos na busca da Lei Educativa por excelencia que nos guíe sen erros na traxectoria. E non damos con ela. Nin daremos. A rapidez das transformacións sociais non se poden afrontar cunha lei cada cinco anos, pero tampouco co soño de dar co texto definitivo. E aquí somos moi dados a crer nos textos inamovibles e sagrados (pensemos por exemplo no rebumbio que se prepara cando se fala de cambios na constitución).

Parece máis importante construír un consenso básico que dure no tempo …

Efectivamente cumpriría partir dun texto de grandes acordos básicos e admitir desde xa que sobre esa base se irán efectuando os cambios que a experiencia vaia aconsellando sen que sexa preciso inventarse a cada volta unha nova lei. E para acadar estes acordos básicos deberiamos embebedarmos de humildade e comezar a pensar que o modelo de ciencia, de home ou de sociedade que eu levo no pensamento pode que non sexa o único nin o mellor posible. E concreto. E comezo polo concepto de intelixencia. Aí tedes un currículo (selección de saberes e aprenderes que o alumnado debe asimilar) con linguas e matemáticas á cabeza. Sen elas non hai pasaporte. Despois de todo o que se sabe xa sobre as diferentes manifestacións da intelixencia (persoal, social, espacial, artística, emocional…) aínda seguimos a teimar na preeminencia dos saberes lóxico-matemáticos e lingüísticos. Ninguén nega a utilidade destes coñecementos, pero habería que precisar moi claramente cales son os realmente útiles para o desenvolvemento social cotián  e se a forma directa de abordalos xera un mellor uso dos mesmos.

Sobre eses aspectos prácticos do currículo escolar e das súas xerarquías tes interesantes experiencias contrastadas na túa traxectoria na educación de adultos…

E pódoche falar con casos concretos. Por exemplo, que conduce a un mellor uso do idioma, a necesidade de ter que explicarse con corrección e claridade diante dos compañeiros ou a acertada definición do que é arte da oratoria? Dito doutra forma, cando fixen a casa viñeron uns canteiros a facer as medicións previas. O primeiro que fixeron foi intentar trazar un ángulo recto para situar no chan a planta da edificación. Eu sentín que dicían “botamos o 3,4,5”. Espetaron un pau. Botaron una liña de tres metros nunha dirección e logo outra liña de catro metros noutra. Despois uniron os dous extremos das liñas corrixindo ata que lles deu cinco metros. Pitágoras en estado puro, sen eles saberen do seu teorema. A suma dos cadrados dos catetos (3*3=9; 4*4=16; 9+16= 25) é igual ao cadrado da hipotenusa (5*5=25). Estes homes non chegaron ao saber pitagórico polas clases de matemáticas senón pola práctica construtiva. Poñendo en exercicio una intelixencia espacial antes cá especulativa.

É como se os saberes para a vida e os saberes escolares fosen en paralelo sen atoparse nunca…

Pois si. Lembro tamén un alumno de Mondoñedo. Nunca aprobaba as matemáticas nin as linguas. Matábase vivo pero sen resultados e eu matábame vivo porque lle resultase. Cara á fin de curso apareceume cunha torta de Mondoñedo pequerrechiña moi apresentadiña. “É para ti, profe”. Mireino e dixen, “pero como se che ocorre, ademais isto custa moito” . “Fíxena eu”, díxome. Púxeno de inmediato en contacto coa escola de hostalería que comezaba daquela a funcionar en Foz. Non o volvín ver, pero téñenme dito que traballa de cociñeiro profesional e estou seguro de que para as receitas ten que usar a “matemática da proporción” e un certo don social e da palabra para dirixir o equipo da cociña.

Isto que falas conecta co das reválidas que se proxectan no texto de Lei…

As reválidas que se proxectan queren constatar a posesión dun mínimo de coñecementos. Pero, que  coñecementos? Os mesmos nos que xa están a fracasar os do pelotón do 30%? Vai motivar unha nova proba a todos aqueles que sistematicamente fracasan nelas? A xerarquía de saberes lévanos a aprendizaxes pechadas, á rixidez dos coñecementos mortos por falta de emoción ou de utilidade para a persoa que os pretende asimilar.

Falas da emoción, pero iso non forma parte dos “grandes temas” da reforma. En cambio fálase continuamente da “cultura do esforzo”

No entender de moitos e da Lei que se aveciña, precisamos resucitar a cultura do esforzo. Pero, que é o esforzo? Non existe esforzo sen causa pola que esforzarse. Non medra o esforzo no baldío. Esfórzome cando desde dentro algo me emociona (estou namorado, teño un fillo, gústame ver medrar a horta) ou cando desde fóra alguén me proporciona a emoción (celebra a empanada que fixen, sobe o meu salario, …). Resulta moi difícil esforzarse cando non podo experimentar emoción nin desde dentro (dificultade para aprender, saberes mortos para a persoa, traballar sen obxectivo) nin desde fóra (valoracións negativas do que fago) e máis complicado aínda cando á falta de valoración familiar e social se suma a da escola. Entendo eu que o esforzo non é un inicio, no inicio está a emoción, o afecto, o interese, a curiosidade, a circunstancia afortunada, a valoración oportuna… calquera delas pode tirar polo esforzo e facer que este se retroalimente. Cando a cousa é moi descarnada e de altos voos o esforzo adoitan adubalo con sobresoldos.

Necesitamos reválidas para dar ese salto cualitativo que recolla os máis desafortunados?

Definitivamente, non. Para este salto cualitativo a favor dos máis desafortunados, en luces ou en afectos, que ambas carencias marcan duramente o resultado intelectual, non precisamos reválidas senón grupos máis pequenos para poder escoitar o talento de cada quen (non é o mesmo aprender a 15 que a 35), saberes máis abertos e non sempre previsibles, metodoloxías máis flexibles (conducidas por un profesorado formado que exerce de guía na busca do saber e non de “libro de Petete”) e máis profesores orientadores (non 1 por cada 500 alumnos) que poidan diagnosticar o alumnado con dificultades para saírse dos socorridos “é un vago”, “é listo, o que pasa é que non quere traballar” “esforzase moito pero é moi curtiño”…

Tamén falabas de adoutrinamento

 O proxecto de lei que agora se presenta comete, ao meu entender, o erro do adoutrinamento. Os modelos de persoa e de sociedade son moi diversos e a escola debe atopar un espazo común de valores no que todo o colectivo se recoñeza. A crenza relixiosa é un valor no que non todos nos recoñecemos e xa non digamos se comezamos a esculcar nos diferentes tipos de crenza. A igualdade de sexos é outro valor común que non se leva co intento dunha proposta educativa que acepta claramente a posibilidade de separalos. As linguas non teñen a importancia que lles concede a academia se non a que lle outorgan os seus falantes. É conceptualmente falso o criterio de que o español é a lingua de todos e o resto dos idiomas peninsulares son nacionalistas. Que eu saiba, nacionalistas son todos, porque todos nos recoñecemos nunha desas linguas nacionais. Xustamente os que pretenden a preeminencia da súa lingua por riba da do veciño na casa do propio veciño eses son os que fan inviable a convivencia plural das culturas. Con esta proposta de lei amósase de novo a cara máis fea da selección e do  adoutrinamento.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to “Non hai esforzo sen emoción”

  1. Pingback: Entrevista ó mestre Xosé Lois Vilar sobre a nova lei de educación | Aí falaches!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s